Remata a mellora da sinalización na ruta das Fontes de Cospeito

TerraChaXa
A Xunta de Galicia destinou un investimento de preto de 729.
230518 Ruta das Fontes
24 Maio 2018

A Xunta de Galicia destinou un investimento de preto de 729.000 euros a distintos concellos lucenses que executaron traballos de accesibilidade e sinalización dos seus recursos turísticos. En concreto, esta liña de axudas chegou a 31 concellos beneficiarios deste programa que financia Turismo de Galicia, en apoio dos proxectos presentados polas distintas localidades.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, dixo que o obxectivo desta iniciativa é o de facilitar aos visitantes, a través dunha correcta sinalización, o coñecemento e o acceso “a todos os elementos que conforman o rico patrimonio natural e cultural da nosa provincia”.

Con estes apoios, Turismo de Galicia contribúe tamén, ademais de actualizar e mellorar os elementos de sinalización turística que identifican os distintos espazos, a introducir novas ferramentas de comunicación da oferta turística dispoñible, pois varios concellos optaron por introducir placas que conteñen códigos QR para que os visitantes poidan acceder facilmente a información ampliada sobre os espazos ou percorridos

Ruta das Fontes, Cospeito

Un exemplo destes apoios foi a mellora realizada na Ruta das Fontes, en Cospeito, que visitou esta mañá o delegado territorial, José Manuel Balseiro, en compañía do alcalde da localidade, Armando Castosa.

Turismo de Galicia e o Concello de Cospeito asinaron un convenio de colaboración, para a mellora da sinalización e acondicionamento desta ruta peonil, ao que destinaron 21.400 euros.

A ruta, un dos espazos naturais de maior atractivo da localidade, percorre o camiño que une cinco fontes emblemáticas: Fonte da Virxe do Monte, Fonte da Logoa e Fonte San Paio (rehabilitadas co apoio dos obradoiros de emprego) e Fonte Felín e Fonte da Ramalleira.

A mellora da sinalización completa un proxecto moito máis ambicioso, o da recuperación ambiental deste entorno no que a auga é o elemento vertebrador e, de feito, ademais da senda peonil que une as fontes citadas, hai outras moitas sendas peonís e ruteiros tradicionais que están recuperados ou en proceso de mellora.

O Concello traballa coa idea final unir todas as rutas existentes que agrupan elementos de gran interese turístico e ambiental no municipio como é a propia Lagoa, o centro de interpretación e aos diferentes miradoiros, ou espazos como o Museo das Aves ou a Ermida da Virxe do Monte, ademais de conectar as canles fluviais dos ríos Támoga e Guisande coa vila. Neste obxectivo buscará contar coa complicidade e apoio da Xunta.

 

0.18925809860229