Remata a rehabilitación da Antiga Escola de Goberno, que se fixo cunha axuda da Xunta

A Asociación de Veciños de Goberno celebrou a reinauguración da Antiga Escola de Goberno, tras rematar as obras de mellora realizadas nos últimos meses no inmoble, que permitiron recuperar e poñer en valor este espazo emblemático da parroquia.
Os traballos foron posibles grazas a unha subvención da Xunta de Galicia de 11.997 euros, concedida na edición de 2025 das axudas destinadas a asociacións. Con este financiamento leváronse a cabo diversas actuacións orientadas tanto á mellora estética como funcional do edificio.
Entre as intervencións realizadas destacan a eliminación do cal branco das paredes interiores para deixar a pedra vista, a instalación dun novo teito de escaiola e a renovación de portas e fiestras. Tamén se actuou no exterior, coa mellora e ampliación do acceso á escola, que anteriormente resultaba esvaradío en días de choiva debido ao tipo de pedra existente, así como coa construción dunha beirarrúa ao redor do edificio.
Ademais, executouse un sistema de drenaxe perimetral para evitar problemas de humidades, outra das principais deficiencias que presentaba o inmoble. A estas melloras sumouse a colaboración da Comunidade de Montes, que asumiu o cambio e correcta colocación dos canlóns, mentres que o Concello completou a actuación coa habilitación dun aparcadoiro nas inmediacións.
A xornada de reinauguración serviu tamén como punto de encontro veciñal, no que a asociación fixo entrega da súa tradicional lotaría de Nadal, unha iniciativa que se repite cada ano como símbolo de convivencia e participación comunitaria.
Desde a Asociación de Veciños destacaron a importancia destas obras para revitalizar un espazo de uso social, agradeceron a colaboración das distintas administracións e entidades implicadas e subliñaron que a Antiga Escola de Goberno queda agora preparada para seguir acollendo actividades veciñais en mellores condicións.