Remata a rehabilitación dos soportais da Praza da Constitución de Vilalba

TerraChaXa
O obradoiro de emprego Terra Chá III, financiado pola Xunta en colaboración cos concellos de Vilalba e Abadín, permitiu o desenvolvemento de obras de mellora en distintos espazos públicos de ambos municipios.
140818ObradoiroVilalba
15 Ago 2018

O obradoiro de emprego Terra Chá III, financiado pola Xunta en colaboración cos concellos de Vilalba e Abadín, permitiu o desenvolvemento de obras de mellora en distintos espazos públicos de ambos municipios.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, entregou os diplomas aos 20 alumnos traballadores que participaron na iniciativa, desenvolvida grazas a unha achega de 280.000 euros da Consellería de Economía, Emprego e Industria. No acto participaron tamén os alcaldes de Vilalba, Agustín Baamonde, e Abadín, José María López Rancaño, entre outros.

Un total de oito alumnos recibiron formación na especialidade de Impermeabilización mediante membranas formadas con láminas, seis na de Revestimentos con pezas ríxidas por adherencia en construción, e outros tantos na de Traballos de carpintaría e moble.

En Vilalba, o obradoiro centrouse na rehabilitación dos soportais da Praza da Constitución, para adicalos a mercado ecolóxico. Pola súa banda, en Abadín acometeron a terceira fase do acondicionamento da Casa do Concello.

Nova convocatoria

Balseiro lembrou que a Xunta porá en marcha a partir de setembro unha nova convocatoria de obradoiros de emprego, á que destina preto de 30 millóns de euros, incrementando o orzamento nun 50 por cento con respecto á anterior.

Como principal novidade cabe lembrar a posta en marcha dos obradoiros de emprego duais, que combinan un contrato de formación e aprendizaxe durante 9 meses e a contratación en prácticas de, como mínimo, tres meses máis nunha empresa local, co apoio da Xunta.

O obxectivo é favorecer a empregabilidade de máis de 2.300 traballadores desempregados galegos, tendo prioridade os obradoiros vinculados ao eido forestal e ao Camiño de Santiago, dous sectores de gran importancia na provincia de Lugo.

0.40353202819824