Finaliza a renovación da rúa Conde Pallares de Vilalba
A rúa Conde Pallares de Vilalba, nun tramo de 450 metros dende a súa intersección coa Praza Suso Gayoso e a Avenida de Lugo, loce completamente renovada logo de que se deran por finalizadas as obras de rexeneración do firme. Unha actuación con cargo ao Plan Único de Cooperación cos concellos da Deputación de Lugo que comezou co levantamento do firme existente para posteriormente proceder ao aglomerado en quente da estrada.
Así pois, os traballos finalizaranse nos vindeiros días co pintado lateral da rúa e a colocación dunha canalización de formigón. “Estamos a falar dunha rúa que soporta un alto volume de tráfico e cuxo estado resultaba perigoso para os usuarios”, explicou a alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, quen ademais se amosou “satisfeita pola rapidez dos traballos e pola suma de actuacións que puidemos acometer grazas ao Plan Único da Deputación de Lugo”.
Nesa liña, a presente actuación súmase á rexeneración das travesías da contorna da Praza da Constitución; o aglomerado da estrada que une a Rúa Mondoñedo coa Avenida da Terra Chá; a reforma do acceso e da cuberta do almacén do estadio municipal da Madalena; a futura renovación do pavimento da pista do pavillón polideportivo do CEIP Manuel Mato Vizoso, que se atopa en proceso de licitación e a colocación dun sistema de climatización e aire acondicionado na Escola Infantil Municipal, cuxa obra está previsto que remate a finais do mes de agosto.
Ademais, “o Plan Único tamén permitiu a contratación de 8 traballadores e unha aportación de 70.000 euros para o Servizo de Axuda no Fogar (SAF), cuestión fundamental para contribuír á prestación dun servizo básico para os nosos maiores e cuxa inversión anual supera os 3.300.000”, sinalou a rexedora, Marta Rouco.