Remata en Outeiro de Rei o curso de Condución segura en moto de Lóstregos Lucus

O motoclub Lostregos-Lvcvs organizou este sábado, 2 de agosto, un curso de condución segura en moto no circuíto de Outeiro de Rei, en colaboración coa Escola de Técnicas de Condución Segura en Moto e co Concello de Outeiro de Rei. A iniciativa contou coa participación de 16 motoristas procedentes de distintos puntos de Galicia, co obxectivo principal de contribuír á redución da elevada sinistralidade viaria que afecta ao colectivo motero.
O curso combinou formación teórica e práctica para reforzar habilidades ao manillar, mellorar a percepción do risco e fomentar unha condución máis responsable e consciente. Entre os contidos tratados, destacouse a importancia de dominar técnicas para anticiparse ás manobras doutros condutores, evitar ángulos mortos e reaccionar ante situacións emerxentes.
Durante a sesión práctica, os participantes puideron perfeccionar a súa posición e equilibrio sobre a moto, empregar de forma adecuada a visión periférica, aprender a frear de maneira eficiente, calcular distancias e controlar a velocidade antes das curvas. Tamén se traballou intensamente na técnica para trazar curvas con seguridade e evitar saídas de vía, un dos principais factores de mortalidade entre os motoristas.
Un dos aspectos clave do curso foi o adestramento no control das denominadas reaccións de supervivencia (RS), co obxectivo de transformar posibles accidentes en simples sustos.
A importancia deste tipo de formacións vén avalada polos datos máis recentes sobre sinistralidade nas estradas españolas. En 2024, faleceron 1.154 persoas en accidentes de tráfico, un 1 % máis que no ano anterior, a pesar do aumento do tráfico nun 3 %. As saídas de vía continúan a ser a principal causa de morte, representando o 42 % dos falecidos en estradas interurbanas, seguidas das colisións frontais (15 %).
As vías convencionais concentran máis do 73 % dos falecementos, e durante os fins de semana a cifra increméntase, especialmente en tramos sen separación física entre sentidos. En 2023, os falecementos de motoristas aumentaron un 9 % respecto ao ano anterior, con 299 vítimas mortais.
Estes datos poñen de manifesto a necesidade de reforzar a formación específica para motoristas, sobre todo en estradas secundarias e durante os desprazamentos de fin de semana, nos que se concentra a maior parte dos sinistros graves. O curso de Outeiro de Rei demostrou ser unha ferramenta eficaz para incrementar a seguridade e reducir riscos entre os condutores máis vulnerables.