Remata en Vilalba a mellora dun vial no lugar do Coto, en Mourence

TerraChaXa
A actuación, impulsada dende a Alcaldía, rexenerou unha pista de 400 metros, dos cales 200 eran de terra
pista-mourence-vilalba
28 Jan 2026

O Concello de Vilalba vén de finalizar unha nova actuación de mellora das infraestruturas viarias no rural coa rexeneración dunha pista no lugar do Coto, na parroquia de Mourence.

Trátase dunha actuación impulsada dende a Alcaldía, coa que se deu resposta a unha necesidade trasladada pola veciñanza da zona. A alcaldesa, Marta Rouco, e o concelleiro Luis Fernández visitaron hoxe o resultado das obras executadas nesta pista, que conta cunha lonxitude aproximada de 400 metros e que presta servizo tanto a vivendas como a camiños de acceso a fincas.

Os traballos incluíron a rexeneración integral dun tramo de 200 metros que ata o de agora contaba cun firme de terra, sendo necesario o recheo e estabilización da vía mediante a aplicación de varias capas de pedra de diferente grosor, así como a posterior rega asfáltica no conxunto da pista.

A alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, destacou que “esta actuación, responde ao compromiso do goberno local coa mellora das infraestruturas municipais e coa atención directa ás necesidades da veciñanza”. “Falamos dun vial que dá acceso a vivendas e a fincas, e que necesitaba unha intervención urxente para garantir unhas condicións dignas de tránsito”, engadiu.

A rexedora vilalbesa lembrou que estas actuacións “forman parte dunha planificación continuada de mantemento e mellora das infraestruturas municipais, coa que o Concello busca reforzar a cohesión territorial e facilitar o día a día da veciñanza das parroquias”.

⚙ Configurar cookies
0.075080156326294