Remata este domingo nas Pontes o primeiro Circuíto de piragüismo en augas tranquilas
Este domingo, 25 de setembro, no lago das Pontes terá lugar a sexta proba do I Circuíto de piragüismo en augas tranquilas Deputación da Coruña que foi adiado dende o día 4 debido ás previsións de forte vento.
A competición desenvolveranse a partir das 10.00 horas coa participación de preto de 400 padexeiros pertencentes ós 12 clubes da provincia, nas categorías prebenxamín, benxamín, alevín, infantil e cadete.
O circuíto da Deputación está a ser un éxito pola gran participación, creando unha gran expectación entre deportistas e clubs de piragüismo da provincia.
Os clubs con actividade da modalidade de piragüismo en augas tranquilas e que participan nestes encontros son: Club Rías Baixas-Naut.Boiro, Club Grupo Xuvenil das Pontes, Club Náutico Ría de Betanzos, Club Kayak Mar Ría Muros Noia, Sociedade Deportiva As Xubias, Club Náutico de Cambre, Club Deportivo Náutico de Miño, Club Ribeiras do Tambre, Club Cabanas KDM, Club Náutico Firrete, Club Piragüismo Rianxo, Club Piragüismo Narón e Escola de Piragüismo de Outes. Terá unha duración aproximada de cinco horas.
Esta competición organízase nun sistema de circuíto integrado por seis regatas, que teñen lugar na provincia da Coruña. Establécense clasificacións individuais e por equipos para cada regata, e unha clasificación final do circuíto por equipos. En cada regata entréganse medallas ou trofeo ás tres primeiras/os clasificadas/os de cada categoría e modalidade, ademais de trofeos aos tres primeiros clubs.