Remata o Entroido en Guitiriz co reparto de premios

TerraChaXa
Un xurado formado por tres persoas de diferentes ámbitos propostas pola Concellería de Cultura foi o encargado de realizar as votacións
refugallo-fashion-week
5 Mar 2025

A maxia do Entroido encheu, durante a xornada de onte, martes 4 de marzo, as rúas de Guitiriz. O acto principal da festa, organizada polo Concello coa colaboración da Asociación Xermolos, foi o desfile que saíu desde a Escola Habanera e chegou ata o pavillón municipal Jonathan Carro Paz.

No pavillón, ademais da festa, entregáronse os diferentes galardóns. A principal novidade deste ano foi a creación do ‘Premio especial Concello de Guitiriz’ de disfraces, no que se repartiron un total de 1.000 euros. O premio á mellor comparsa (500 euros) foi ex aequo para Dando As Notas e Refugallo Fashion Week; á mellor parella (300 euros) foi para El viejo Oeste e á mellor máscara individual quedou deserto.

Un xurado formado por tres persoas de diferentes ámbitos propostas pola Concellería de Cultura foi o encargado de realizar as votacións, nas que se tivo en conta a confección dos traxes e a complexidade, penalizando os disfraces mercados; a complexidade da maquillaxe, das máscaras e doutros elementos decorativos; a orixinalidade e creatividade dos disfraces e a posta en escena, cun tempo máximo de catro minutos por actuación. No caso das comparsas, tamén se valorou o número de participantes e a súa composición interxeracional.

Máis premios da man de Xermolos

Por outra banda, a Asociación Xermolos tamén fixo unha entrega de premios en paralelo. No caso das comparsas (200 euros e unha cesta de produtos típicos) a mellor foi para Refugallos Fashion week; a máis orixinal para Eólicos anónimoz; a de mellor música para Dando a nota; a de máis humor para Os picapedra; e a de máis traballo foi para A voar.

Na categoría individual e por parellas o primeiro premio (50 euros) foi para Capón (individual) e Frida Kahlaó (parellas); o segundo premio (20 euros) foi para Ratatouille (individual) e As bailarinas de Kiko Rivera (parellas); e o terceiro premio (15 euros) para Diva (individual) e Pipi e o seu cabalo (parellas). Tamén se deron diversos agasallos ás máscaras infantís.

Ademais, este ano tamén se celebrou o tradicional reto dos mecos de entroido, que se compartiron a través das redes sociais xunto ao cancelo #mecoxermolos25. O mellor meco, que se decidiu durante o propio desfile de Entroido, foi indultado, salvándose da queima.

⚙ Configurar cookies
1.0086541175842