Remata o Obradoiro Pontes de Emprego III

TerraChaXa
O Concello de As Pontes deu por concluído, esta mañá, o obradoiro de Emprego Pontes de Emprego III, un programa dual de emprego e formación dirixido á obtención do certificado de profesionalidade en confección e publicación de páxinas web.
Pontes de Emprego III
28 Mar 2019

O Concello de As Pontes deu por concluído, esta mañá, o obradoiro de Emprego Pontes de Emprego III, un programa dual de emprego e formación dirixido á obtención do certificado de profesionalidade en confección e publicación de páxinas web.
Durante o acto de clausura deste obradoiro, que contou coa presenza da concelleira de Turismo, Hostalaría, Comercio e Emprego, Ana Pena, e o director xeral de orientación e promoción laboral da Xunta de Galicia, José Alfonso Marnotes, fíxose entrega dos diplomas acreditativos aos doce alumnos e alumnas que participaron nesta acción formativa e presentouse, publicamente, a páxina web dedicada á cultura e os puntos de interese turístico local na que estiveron traballando durante os últimos seis meses.

Ana Pena felicitou ao alumnado polo traballo realizado e animounos a aproveitar os coñecementos e a cualificación adquirida de cara a unha futura incorporación laboral nun sector en auxe e cun alto volume de demanda de profesionais, que non deixa de medrar, ano tras ano.

A concelleira quixo tamén remarcar o compromiso do goberno local con todas aquelas iniciativas que poidan contribuír a mellorar a empregabilidade da veciñanza, facendo uso de todas as ferramentas posibles para procurar, promover e impulsar a competitividade laboral dos ponteses e pontesas, especialmente da mocidade.

Pontes de Emprego é o terceiro obradoiro de emprego que o Concello de As Pontes pon en marcha, coa colaboración da Iniciativa de Emprego Xuvenil da Consellería de Economía, Industria e Emprego e o Fondo Social Europeo, co obxectivo de mellorar a empregabilidade, a cualificación e a inserción profesional das mozas e mozos, menores de 30 anos, da vila.
Este obradoiro tivo unha duración de 874 horas durante as cales o alumnado ademais de formación teórica e práctica sobre deseño de estrutura web, tratamento de etiquetas e marcas, creación de plantillas e formularios e alta de páxinas en buscadores, recibiron formación complementaria en materia de riscos laborais, sensibilización en igualdade de xénero, sensibilización ambiental.

Asemade, tamén foron asesorados laboral e empresarialmente durante toda a duración do obradoiro e aprenderon nocións básicas sobre procura activa de emprego.

O orzamento deste obradoiro e de 145.696,50 euros, dos cales 30.000 euros son aportados polo Concello de As Pontes.

0.19919514656067