Remata o programa BTTeando por Guitiriz 2025 cunha saída na que participaron 40 persoas

TerraChaXa
A ruta, de 20 quilómetros e arredor de 300 metros de desnivel, contou cunha dificultade sinxela e discorreu polos sendeiros de San Breixo
btteando-por-guitiriz-nadal
16 Dec 2025

Preto de 40 persoas participaron esta fin de semana na Ruta do Nadal, a última saída do calendario da sétima edición do programa BTTeando por Guitiriz, unha iniciativa posta en marcha polo Concello de Guitiriz en colaboración co Club Btteiros Cova da Serpe.

A xornada serviu para despedir o ano sobre rodas cunha mañá típica de decembro, marcada inicialmente pola néboa, que foi dando paso ao sol ata deixar unhas condicións ideais para o desfrute da bicicleta. Ciclistas de todas as idades gozaron dun ambiente de Nadal ao longo dun percorrido pensado para todos os públicos.

A ruta, de 20 quilómetros e arredor de 300 metros de desnivel, contou cunha dificultade sinxela e discorreu polos sendeiros de San Breixo, combinando tramos do Camiño de Santiago do Norte con outros da Ruta das Bidueiras, así como pola contorna de Santa Leocadia.

A saída e chegada tiveron lugar na igrexa de San Breixo, punto de encontro desde o que se desenvolveu esta última actividade do programa no ano 2025, pechando unha edición que volveu destacar pola boa acollida.

Desde o Concello de Guitiriz valórase moi positivamente o éxito desta sétima edición do BTTeando por Guitiriz, unha proposta xa asentada no municipio e coa que se promove o deporte e un estilo de vida saudable.

⚙ Configurar cookies
0.088268041610718