Remata unha nova edición do concurso de tapas en Vilalba
O Concello de Vilalba anunciou os establecementos premiados no II Concurso de Tapas de Vilalba. Esta edición realizouse entre os días 21 e 24 de outubro baixo a organización do Concello de Vilaba e da Asociación de Empresarios Sete Pontes.
Este ano, introduciuse como novidade que os hostaleiros/as participantes tiñan que realizar as súas tapas con ingredientes dos produtores/as locais recollidos nas bases do certame. Deste modo, buscábase crear unha rede de apoio tanto ao sector hostaleiro como ás empresas alimentarias do municipio.
Durante os días deste certame, a organización programou a actuación de varios grupos de música para amenizar as rúas de Vilalba. Ademais, a cidadanía tivo a oportunidade de votar pola súa tapa favorita. Deste modo, a veciñanza escolleu por votación as tres mellores tapas, valoradas posteriormente polo xurado profesional.
No anuncio do resultado, estiveron presentes esta tarde a alcaldesa de Vilalba, Elba Veleiro; a concelleira de Comercio, Marta Rouco; e Manuel Silvosa, representante da asociación Sete Pontes.
O primeiro premio do concurso é para Mesón do Campo, coa tapa 'Revolto de boletus e kikos'. A segunda posición é para Casa Maragata, quen preparou unha 'Tosta de ovo con xamón e queixo San Simón'. Por último, a terceira praza do concurso é para o Bar A Magdalena, quen presentou ao certame 'Flamenquines de cachena'.
O xurado profesional estivo formado por Alejandro Méndez, xefe de cocina e propietario de Arrocería Os Cachivaches; Jorge Anillo, docente para a Xunta de Galicia nos servizos de restauración; e Bruno Pena, xefe de cociña no Oca Playa de Foz Hotel & Spa. Estes tres profesionais da restauración avaliaron as tapas presentadas puntuando a súa presentación, técnica e sabor.
Entre as persoas que participaron na votación, o Concello de Vilalba sorteou diversos agasallos. Dunha banda, Sandra Cabana e Ana Eiras recibirán cadanseu bono para dúas persoas no Spa Attica21 de Vilalba, mentres que María Isabel Costoya recibirá un vale para unha cea para dúas persoas na Cervexería Lembranzas. Doutra banda, María Castelo recibirá un bono para un xantar ou cea para dúas persoas no Restaurante Montero.
“Con esta segunda edición confirmamos a boa acollida deste certame en Vilalba, co que buscamos potenciar a nosa hostalaría e os nosos produtores locais, mostrando a gran calidade gastronómica do municipio”, subliña Elba Veleiro, alcaldesa de Vilalba.