Rematadas as obras de abastecemento ao núcleo de Prado en Friol
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, vén de rematar as obras de abastecemento ao núcleo de Prado. A titularidade das novas infraestruturas foi entregada hoxe ao Concello de Friol.
Esta actuación, cun investimento duns 180.000 euros, consistiu na construción da captación, o depósito, e a extensión dunha rede de distribución de máis de 10 quilómetros, para dotar do servizo de abastecemento a este núcleo de poboación. Esta intervención beneficia a preto dun centenar de veciños do municipio.
Os traballos consistiron na construción da captación nas inmediacións do núcleo de Silvela, e un depósito con capacidade para 75.000 litros -co correspondente sistema de válvulas e cloración-, que funciona grazas á colocación de 5 paneis fotovoltaicos na súa cuberta.
A rede de distribución executada discorre na súa maior parte por camiños públicos; sendo completada cos elementos necesarios de válvulas de corte, ventosas, desaugues, bocas de rega e unha válvula redutora, albergadas en arquetas prefabricadas de formigón.
Os traballos incluíron a reposición dos servizos afectados polo trazado da rede nas estradas provincial LU P-2110 e autonómica LU-934.
A Xunta mantén a súa colaboración cos concellos é o apoio á planificación, execución e financiamento de infraestruturas hidráulicas de competencia municipal, para que poidan prestar de xeito eficaz os servizos de saneamento e abastecemento.
Esta obra está cofinanciada con fondos europeos do programa operativo FEDER, no marco do Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) Galicia 2014/2020.