Rematadas as obras de mellora dos camiños municipais en Marraxón, Piñeiro, Porto do Liño e Terbá

TerraChaXa
A actuación, cun investimento de 122.802 euros a través do Plan Camiña Rural 2025-2026, renova os accesos principais entre varios núcleos rurais das Pontes e as estradas autonómicas e provinciais
AS PONTES zonas obras
14 Nov 2025

O Concello das Pontes de García Rodríguez vén de concluír as obras de mellora dos camiños municipais situados nas parroquias da Faeira, Ribadeume, Espiñaredo e Santa María das Pontes, vías que funcionan como accesos principais aos núcleos de Marraxón, Piñeiro, Porto do Liño e Terbá.

A intervención contou cun investimento total de 122.802 euros, financiados a través do Plan Camiña Rural 2025-2026 da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, e permitiu modernizar uns viarios moi deteriorados polo paso do tempo e o uso continuado, garantindo unha comunicación máis segura e eficaz entre estas zonas rurais e as principais estradas autonómicas e provinciais do municipio.

Os traballos centráronse na rehabilitación integral da capa de rodaxe. Antes de estender o novo pavimento procedeuse á limpeza de marxes e cunetas, á retirada da vexetación que invadía a plataforma e á reparación de fochancas, afundimentos e deformacións existentes.

Tamén se executou o fresado do firme nos entronques para asegurar a correcta unión cos treitos lindeiros. No camiño que dá servizo ás áreas de Fraga dos Cregos e O Cameleiro reforzáronse os bordos mediante a execución dunha base de macadam, achegando maior estabilidade estrutural ao firme.

Posteriormente estendeuse unha nova capa de rodaxe con mestura bituminosa en quente, precedida dun rego de adherencia para mellorar a cohesión entre capas e aumentar a durabilidade do pavimento. A actuación completouse coa reposición da sinalización horizontal e vertical necesaria para incrementar a seguridade viaria.

Co remate destas obras, o Concello das Pontes reafirma o seu compromiso co mantemento e a modernización da rede viaria rural, contribuíndo a mellorar a mobilidade da veciñanza, a seguridade nos desprazamentos cotiáns e a conexión entre os distintos núcleos de poboación do termo municipal.

⚙ Configurar cookies
0.077313184738159