Rematadas as obras na Casa do Médico e do abastecemento á Xestosa en Muras
O delegado da Xunta de Galicia en Lugo, José Manuel Balseiro, visitou o Centro de Interpretación Medioambiental, ubicado na coñecida como Casa do Médico, que foi remodelada para este efecto pola actual corporación municipal. Este edicificio, que vén de rematar as obras, funcionará como centro social e aula da natureza e conta cun salón de actos con capacidade para 50 persoas.
Este proxecto forma parte das iniciativas non produtivas financiadas con 62.900 euros a través do GDR Terra Chá, e encamiñadas á prestación de servizos públicos gratuítos, a impulsar dotacións e a mellorar a calidade de vida no medio rural.
O Goberno galego tamén aportou fondos para dotar de abastecemento de auga aos núcleos da Xestosa, mellorar a traída do núcleo da Paleira e realizar varias actuacións de mellora no punto limpo. Todas estas accións foron desenvolvidas polo Goberno que preside Manuel Requeijo dentro do seu programa de Goberno e financiadas pola Xunta de Galicia.