Rematado o proxecto Reservas Vivas de fomento do territorio
Entre marzo 2020 e abril 2021 a Asociación Galega de Custodia do Territorio, AGCT, desenvolveu o proxecto Reservas Vivas co que tratan de fomentar a custodia do territorio nas reservas da biosfera Terras do Miño, Oscos-Eo e Terras de Burón, Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá e Ancares Leoneses. É dicir, de fomentar a participación social na conservación dos valores naturais das catro reservas da biosfera nas que se desenvolve, usando como ferramenta a custodia do territorio.
O proxecto contou co apoio do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico a través da Fundación Biodiversidad.
En Reservas Vivas teñen como obxectivos mellorar o coñecemento da custodia do territorio como ferramenta participativa de xestión sostible entre os diferentes actores sociais das Reservas da Biosfera. Desenvolver e dar a coñecer experiencias exemplares de custodia do territorio nas reservas da biosfera, explorar alianzas con diferentes actores sociais de relevancia, fortalecer o terceiro sector ambiental nas reservas da biosfera e explorar ferramentas de mobilidade de terras a escala local que permitan o mantemento e a recuperación de terras agrícolas de interese ambiental.
En Reservas Vivas, que comezou o 1 de marzo de 2020 tiveron que pelexar desde o principio coas dificultades xeradas pola pandemia da covid-19, adaptando e reformulando as actividades previstas para poder acadar os obxectivos desexados en condicións ben adversas.
O resultado final é máis que satisfactorio: seis novos acordos de custodia nas catro reservas da biosfera, cos que queren contribuir á conservación de bosques e prados seminaturais, unha paisaxe agraria de alto valor natural, ademais de ofrecer o seu apoio a persoas que loitan a diario por desenvolver a súa actividade económica dun xeito respectuoso co medio natural. Este proxexto axudou a financiar accións tan diversas como recuperar cancelas tradicionais en Ancares, reconstruir unha corripa ou ouriceira en Negueira de Muñiz, protexer prados seminaturais do val de Ancares con cancelas e a plantación de carballos e recuperación de muros tradicionais en Pol.
Ademáis, Reservas Vivas permitíu coñecer mellor o tecido social destas reservas da biosfera e prospectar espazos nos que desenvolver novas iniciativas de custodia. Celebrouse un curso de custodia para pequenas entidades e diversas charlas e xuntanzas con propietarios e outros actores sociais do territorio. Agardamos que pronto podamos comunicar novos acordos nos que estamos a traballar.