Rematan as actividades de pesca deportiva organizadas por Os Troiteiros de Outeiro de Rei

A Xunta de Galicia avoga por concienciar aos máis novos sobre os valores deportivos e ambientais asociados á pesca deportiva co obxectivo de promover a remuda xeracional no sector, tal e como explicou a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, durante a entrega de diplomas á rapazada que participou nas actividades organizadas polo club de pesca Os Troiteiros de Outeiro de Rei.
De feito, a conselleira, que estivo acompañada polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, e pola directora xeral de Patrimonio Natural, Marisol Díaz, puxo en valor o traballo desenvolvido polas entidades colaboradoras de pesca coa organización de actividades formativas e divulgativas desta actividade deportiva. En concreto, o Club de pesca Os Troiteiros reuniu durante as fins de semana de maio e xuño a unha vintena de rapaces de entre 5 e 13 anos en distintas accións como cursos, talleres e xornadas de concienciación nos que ofreceron formación, teórica e práctica, sobre a práctica da pesca sostible ou sen morte.
A través destas actividades, a rapazada coñeceu as especies que se atopan nos ríos galegos, as normas para pescalas e como practicar a captura e solta, aprendendo a manipular os exemplares de forma que non sufran dano antes de ser devoltos ás canles fluviais. Esta modalidade de pesca, lembrou Ángeles Vázquez, contribúe a manter ou incrementar as poboacións das distintas especies favorecendo así a continuidade desta práctica deportiva no futuro.
A maiores, durante as xornadas tamén se abordaron normas de coidado e respecto á natureza prestando especial atención aos distintos ecosistemas fluviais. Así, por exemplo, participaron na recollida de residuos nalgunha das actividades organizadas na contorna onde se fixo fincapé tamén no tratamento dos residuos producidos pola pesca como sedelas, anzois ou plásticos.
Ángeles Vázquez tamén destacou que este tipo de iniciativas contribúen a motivar ás nenas e nenos a practicar actividades de lecer na natureza e a realizar boas prácticas que axudan a conservala e protexela. Nesta liña, incidiu na transcendencia de concienciar aos distintos sectores sociais sobre a importancia de concibir a pesca fluvial como unha forma de aproveitamento sostible dos recursos naturais, pero tamén de coidado do medio ambiente e dos ecosistemas fluviais.
A conselleira lembrou a importancia que esta práctica deportiva ten en Galicia, como certifican os máis de 43.800 afeccionados que contan con licenza na comunidade, dos que preto de 1.900 teñen menos de 18 anos.
Nesta liña, puxo en valor a aposta pola remuda xeracional do Executivo galego con medidas como a exención do pago das taxas das licenzas de pesca para os menores de 18 anos. Esta gratuidade -da que tamén se benefician as persoas maiores de 65 anos- chegou este ano a máis de 20.000 afeccionados.