Rematan as actuacións de mellora en Fonmiñá

TerraChaXa
A Confederación Hidrográfica do Miño-Sil finalizou as actuacións de mellora da capacidade de desaugadoiro do río Miño en Fonmiñá.
Fonmina
22 Maio 2021

A Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS), Organismo autónomo dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, finalizou as actuacións de mellora da capacidade de desaugadoiro do río Miño en Fonmiñá (A Pastoriza), iniciados o pasado 1 de marzo.

Os traballos consistiron na retirada de árbores caídas ou secas ou, en casos moi puntuais, desestabilizados con perigo de caída ao leito, que provocaban a acumulación de restos arbóreos e tapóns, afectando ao discorrer das augas; tamén se realizaron podas sanitarias e resalveos para mellorar a estabilidade da vexetación e para facilitar o fluxo en casos de avenida, diminuíndo así o risco de inundacións.

Estas actuacións foron executadas por unha brigada composta por 4 operarios especializados apoiados por maquinaria para o arrastre da vexetación presente no leito, que puxeron especial coidado nas zonas próximas a varias construcións con valor etnográfico e protección patrimonial, principalmente muiños, que non se viron afectados polos traballos realizados.

O tramo de actuación comprende unha lonxitude total de 4,3 km e o investimento realizado ascende a 78.000 euros.

0.18078899383545