Rematan as festas nas Pontes coa Romería da Fraga
A carballeira de Dona Rita acolle o fin das festas, que como non podía ser doutro xeito, rematan por todo o alto.
Na contorna das Fragas do Eume, nun paisaxe de gran beleza, ten lugar esta celebración, que é festa de Interese Turístico Galego. Celebran deste xeito os ponteses o Día de Galicia, ou Día de Santiago. Son dúas xornadas de festa ininterrompida, con parada para o que pode ou quere, para durmir nas cabanas que se constrúen á beira do río.
A Romaría da Fraga comezou a celebrarse a principios do século XX nunha illa do Eume, polo que entón era coñecida como Romaría da Insua. Hoxe a illa xa non existe, e a festa ten lugar no devandito parque da Carballeira de Dona Rita, na entrada da vila.
As actividades programadas para a Festa da Fraga comezarán o día 24 de xullo, ás 12:00 horas cun pasacalle a cargo dos grupos tradicionais No Cómbaro e Os Trevillas e, a partir das 19:30 horas botará a andar o Festival Folk que, este ano, contará coas actuacións de Nimbos, Caamaño & Ameixeiras, Xosé Lois Romero & Aliboria, Lamatumbá e A Quinkillada.
O martes, 25 de xullo, a Romaría da Fraga comezará as 13:00 horas coa misa de Santiago Apóstolo, na Capela do Carme e ás 13:30 horas trasladarase á Fraga para dar comezo a sesión vermú amenizada por Louband.
Durante a tarde, a partir das 18:00 horas, na carballeira actuarán os grupos Batukada Latexo e Brassica Rapa. A xornada rematará coa actuación de Grupo Origen a partir das 22:00 horas.
FESTIVAL FOLK
No festival de música folk na Fraga na que participan catro grupos de gran prestixio. Nimbos é unha banda de rock/pop sinfónico conformada na Cidade de Gualeguaychú - Entre Ríos - Arxentina, a finais de outubro de 2014.
Todas as cancións compostas e producidas por Gustavo Nísero, baixo o concepto Choral Symphony arrimando tamén influenzas de folk, jazz, country, celta e a bendita música sesenteira.
Caamaño&Ameixeiras é un dúo ligado á música e ao baile de raíz. Formado por Sabela Caamaño (acordeón cromático) e Antía Ameixeiras (violín e voz) en 2018, este dúo acumula, na súa curta pero intensa traxectoria, un gran número de concertos, tanto dentro da xeografía galega, o seu lugar de orixe, como fóra dela e no ámbito internacional.
Xosé Lois Romero & Aliboria son o proxecto indicado para trasladar o bruar da terra nunha sorte de zunido tribal, de folclore racial, de estalido musical.
O combo galego que dirixe o prestixioso multiinstrumentista Xosé Lois Romero leva demostrándoo nos escenarios dende hai máis de 3 anos, a partir da publicación dun homónimo debut que servía como revulsivo catalizador para amosar un xeito absolutamente salvaxe e orixinal de acometer a música tradicional galega.
Lamatumbá é un grupo musical galego nado en marzo de 1998 que combina multitude de estilos, cuxo eixo é un son festeiro e verbeneiro. Teñen varios discos de estudo, e actúan con frecuencia en escenarios galegos e peninsulares. Considéraselles un dos maiores expoñentes da música galega.
A Quinkillada é a sinerxía entre a maxia da verbena galega e a forza dun festival con toda a frescura dunha banda nova. A mestura de ritmos latinos coa rumba máis quinki fará que baile todo aquel que se deixe levar polos temas do seu primeiro disco.
LOUBAND
Louband é unha formación musical nada en Sarria no ano 2017.
O estilo musical inclúe versións de clásicos musicais tanto en galego como en castelán. Entre os estilos musicais destacan o Ska, reggae, cumbia, pop e rock. Todos as versións están arranxadas por eles mesmos dando protagonismo ás voces e aos ventos da formación.
Do repertorio en galego destacan versións como O Tren de Andrés do Barro, Quen puidera namorala de Celso Emilio Batallán así como tributos a outros grupos galegos coñecidos como Lamatumbá, Siniestro Total ou Heredeiros da Crus. No repertorio en castelán conflúen numerosos estilos entre a cumbia o pop dos 80’ e 90’ e o rock de máis éxito.
BATUKADA LATEXO
En Latexo queren levar a percusión, a música e a felicidade a todas as persoas. A través dun espectáculo de batucada baseado nos ritmos dos blocos afro brasileiros, a percusión de Latexo transpórtanos a diferentes lugares do mundo nos que o ritmo e o movemento son parte fundamental do cotián.
Na contorna das Fragas do Eume, nun paisaxe de gran beleza, ten lugar esta celebración, que é festa de Interese Turístico Galego.
BRASSICA RAPA
Brassica Rapa é unha brass band nada a finais de 2017 buscando darlle unha volta ao concepto de charanga.
Formado integramente por mulleres, tocan instrumentos de vento metal e percusión e crean unha atmosfera alegre coa súa música, de repertorio coñecido e fresco, coa que a festa está asegurada. Trompeta, trompa, dous trombóns, un saxo alto, unha tuba, unha caixa e un bombo compoñen a súa formación, que pretende reivindicar a presenza da muller neste tipo de agrupacións a través da festa.