Rematan as obras da estrada de Friol a Parga
O deputado de Relacións Institucionais, Álvaro Santos Ramos, supervisou o remate das obras de rehabilitación integral que o Goberno da Deputación financiou con 1.116.000 euros na estrada LU-P-2101, de Friol a Parga. Santos Ramos destacou que “dende o Goberno da Deputación cumprimos cos veciños e melloramos integralmente esta estrada, que dá servizo a unha media de 10.000 usuarios, pois conecta Parga, Santa Lacaia de Parga, Seixón, Transmonde, Bra, Carlin, Roimil, Lea, Lamas ou Madelos. Ademais, une os Concellos de Friol e Parga e dá acceso aos veciños desta zona á A-6”.
“Coa realización destas obras, o que buscamos é mellorar as infraestruturas públicas das que dispoñen os nosos veciños, co fin de fixar poboación e facilitar o asentamento empresarial no Concello, reivindicando e impulsando a vida no rural da provincia”, destacou. Son actuacións coas que damos resposta a unha demanda histórica de todos os veciños da zona, ao mellorar esta arteria de comunicación fundamental para a Comarca da Terra Cha.”, subliñou Santos Ramos.
Os traballos executados na LU-P-2101 consistiron na remodelación integral de case 20 quilómetros, nos que se acondicionou o firme con aglomerado en quente, incrementouse a seguridade coa instalación de sinalización horizontal e vertical, e limpáronse as cunetas. O investimento de 1.1 millóns de euros da Deputación nesta estrada dividiuse en varias fases: foron 400.000 euros na primeira, 378.000 na segunda e 208.000 na terceira, sumando no seu conxunto uns preto de 1 millón de euros dirixidos a acondicionar 16 quilómetros.
Esta derradeira fase, contou cunha achega de case 130.000 euros, o que permitiu acondicionar o derradeiro treito de 3 quilómetros da estrada que une Friol con Parga, completando así os 19 quilómetros desta vía.