Rematan as obras da galería cuberta no campo de tiro con arco pontés
Remataron esta semana as obras de construción dunha galería cuberta nas instalacións do campo de tiro con arco, no Pobado das Veigas das Pontes.
O proxecto, cun orzamento de 211.000 euros, con cargo a fondos propios, permitiu a execución dunha nova instalación que se localiza no extremo final da actual zona de tiro para, deste xeito, inverter o sentido da mesma e evitar que a luz do atardecer afecte á visibilidade dos seteiros e seteiras.
Unha actuación que permite mellorar as condicións de adestramento dos deportistas que integran o Club Silex, no que se formaron importantes figuras do tiro con arco, entre as que destacan os olímpicos Miguel Alvariño e Daniel Castro, ademais de posibilitar a ampliación dos horarios de adestramentos e a posta en marcha de competicións de carácter oficial.
O proxecto incluíu a execución dunha nave cuberta e pechada, que servirá de almacén para os parapetos das dianas e outros útiles de tiro e a súa cuberta prolongouse catro metros para xerar un soportal onde poder adestrar, ao aire libre, completamente protexidos das condicións meteorolóxicas adversas.
Construíuse tamén unha nova soleira que será empregada como liña de tiro exterior, localizada a 90 metros da zona cuberta que existe na actualidade, que permitirá a organización de competicións oficiais.
O volume construído ten unha cuberta a unha sola auga en caída cara a zona exterior do soportal, sendo a superficie útil da nave almacén interior de 261 m2 e a do soportal exterior cuberto de 101 m2.