Rematan as obras da rúa da Balsa en As Pontes

TerraChaXa
O alcalde de As Pontes, acompañado polo presidente da Asociación Veciñal Beira do Eume, visitou esta semana o tramo reformado
obras-rua-da-balsa-as-pontes
25 Sep 2025

O Concello das Pontes vén de dar por rematadas as obras de mellora de servizos e pavimentos na rúa da Balsa, unha actuación financiada pola Deputación da Coruña cun investimento de 109.053 euros.

O alcalde das Pontes, acompañado polo presidente da Asociación Veciñal Beira do Eume, visitou esta semana o tramo reformado para supervisar o resultado final dunha intervención que tiña como obxectivo mellorar a accesibilidade e renovar os servizos públicos nesta zona do núcleo urbano, concretamente no tramo comprendido entre a rúa Tras da Ponte e a rúa Eume.

Os traballos incluíron a pavimentación integral da vía mediante formigón armado impreso e coloreado, así como a colocación de bordo de formigón para a integración coa calzada.

Tamén se instalaron novas canalizacións para os servizos de alumeado público e telecomunicacións, ademais da colocación de novos báculos e luminarias en todo o percorrido. En canto ao saneamento, optouse pola execución dunha rede separativa, con acometidas individuais adaptadas ás necesidades actuais.

A actuación completouse coa instalación de novo mobiliario urbano e a reposición da sinalización horizontal e vertical, contribuíndo a mellorar tanto a estética como a funcionalidade da rúa.

Dende o Concello destacan que esta intervención responde ás demandas veciñais e contribúe a mellorar a calidade de vida dos residentes, apostando por un modelo de vila máis accesible, eficiente e sostible.

⚙ Configurar cookies
0.10417103767395