Rematan as obras de aglomerado das pistas municipais utilizadas na construción do parque eólico
Tralo remate con éxito das xestións do alcalde da Pastoriza, Primitivo Iglesias, coa empresa Naturgy, esta semana deron por concluídas as obras de reparación das pistas municipais de utilizaron para a construción do parque eólico da Ribeira. Foron un total de quince quilómetros os que se recuperaron a través de aglomerado da estrada da Ferradura dende o límite de Abadín por Loboso ata a estrada da Deputación en O Castelo (A Regueira) e dende Loboso polo parque eólico do Rodeiro ata Corbelle.
Tamén traballaron noutra pista que atravesa a parroquia de Corbelle, coñecida como a pista da Ferreirauva. Ademais, en convenio co Concello de Abadín, nuns poucos metros deuse saída á parroquia de Vilarente, no lugar da capela de Santa Margarita, que tamén se fixo en aglomerado.
Segundo indicou o alcalde, despois do grave deterioro no que quedaron nos últimos meses polo continuo paso de tráfico pesado, "agora quedan nun estado moi satisfactorio". A intención do Concello é finalizar cos traballos de pintado.
Primitivo Iglesias adiantou que están a realizar as últimas xestións para abrir o antes posible ao público un museo histórico en Bretoña. A intención é que poida abrir a principios de agosto pero para iso necesitan rematar o antes posible algunhas xestións burocráticas.
O obxectivo deste museo é por en valor a antiga diócese britoniense, que estivo vixente entre os séculos V e VII e contou cunha gran afluenza nos primeiros albores do Reino de Galicia.
O museo ubícase na Casa da Galocha, tamén coñecida como Casa do Médico, unha vivenda particular que o concello adquiriu fai varios anos para rehabilitar.