Rematan as obras de reforzo do firme nas rúas Castiñeiro, Acivro e Salgueiro do polígono Sete Pontes

O Concello de Vilalba vén de concluír os traballos de reforzo do firme nas rúas Castiñeiro, Acivro e Salgueiro do Polígono Industrial Sete Pontes. A intervención, dirixida a modernizar as infraestruturas dun espazo clave para a actividade económica do municipio, supuxo a extensión de aglomerado en quente, a renovación da sinalización horizontal e vertical e a instalación de novas arquetas para a recollida de augas pluviais. Con estas actuacións preténdese incrementar a seguridade viaria e o bo estado das vías que dan servizo ás empresas asentadas no parque empresarial.
O investimento ascendeu a 165.649 euros, financiados a través dun proxecto presentado polo Concello ás axudas en concorrencia competitiva da Consellería de Economía e Industria. O executivo local subliña que a planificación técnica e a concreción das actuacións foron determinantes para acceder a esta liña de apoio.
En paralelo, o goberno municipal anunciou que nas vindeiras datas se executará un proxecto de aforro e eficiencia enerxética no alumeado público do polígono (44.611 euros de investimento). A medida permitirá reducir o consumo eléctrico e avanzar cara a un modelo máis sostible, reforzando ao mesmo tempo o confort e a seguridade no interior do recinto industrial.
A alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, salientou que estas actuacións responden a un compromiso co tecido empresarial local e coa Asociación de Empresarios Sete Pontes. Segundo indicou, trátase de dar cumprimento ao acordo de mellora das dotacións públicas do polígono e de seguir optando a convocatorias competitivas para captar recursos que impulsen novos servizos e oportunidades no municipio.