Rematan as obras do saneamento de Vale, en Riotorto
O Concello de Riotorto deu por rematadas as obras de construción da rede de saneamento de Vale. O lugar Vale componse dun núcleo principal onde se ubican a maior parte das vivendas, en dous barrios denominados Penela e Aldea, e outro núcleo secundario formado por un barrio máis pequeno que se coñece como Souto de Vale que agora comunican coa rede. A poboación habitual do lugar de Vale é de 25 habitantes aínda que ocasional e estacionalmente chegan a ser un máximo de 30 ou 32.
As obras consistiron na construción dunha rede de colectores no lugar de Vale que canaliza as augas residuais procedentes das vivendas cara a un punto de vertido onde se sitúa o conxunto de depuración.
Os colectores están polas marxes dos camiños e estradas do lugar e na maior parte dos casos, debido á particular orografía do lugar e dispersión das vivendas, por fincas particulares.
A recollida comeza nunha arqueta ou pozo onde acomete os ramais que chegan ás saídas particulares das vivendas e descorren por tubaxes plásticas. Cada encontro entre ramais, cambio de dirección da rede ou novas acometidas resólvese cun pozo circular rexistrable.
Debido á pendente do terreo foi necesaria a execución de pozos de resalto coa fin de non incrementar excesivamente a pendente da canalización e ao mesmo tempo resolver satisfactoriamente o desnivel a salvar.
Todas as tubaxes se conectaron ao sistema de depuración composto por unha fosa+filtro compactos, para unha capacidade de 40 habitantes.
O prazo de execución desta obra foi de catro meses e tivo un orzamento de 49.668’29 euros.