Rematan as obras do saneamento en Espiñaredo

TerraChaXa
30 sep 2020

Esta mañá, o Concello das Pontes deu por finalizadas as obras de mellora do sistema de saneamento en Espiñaredo, unha actuación que permitirá ademais evitar os verquidos superficiais.

Os traballos, cun orzamento de 42.500 euros, provintes de fondos municipais, consistiron na execución da prolongación do colector conectado ao pozo existente, cruzando o vial AC-110, para o que foi preciso realizar unha perforación horizontal dirixida desde o pozo de rexisto de entrada ata unha fosa séptica con tratamento de augas residuais.

Esta fosa sétpica conta con dous compartimentos nos que se producirá a decantación de sólidos e a separación de espumas e graxas, e o tratamento bactericida encargado de metabolizar a materia orgánica.

Estas obras forman parte do plan de traballo deseñado polo goberno local para as parroquias do rural pontés, destinado a mellorar a rede de estradas e camiños, continuar coa incorporación de novos saneamentos e ampliar os equipamentos xa existentes co obxectivo de mellorar a calidade de vida no rural, revitalizar as parroquias e promover o asentamento poblacional.

0.20340013504028