Rematan as obras dunha vía de acceso a varias vivendas en Sancovade

O Concello de Vilalba vén de rematar a rexeneración completa dun dos viais de acceso a varias vivendas no barrio de Guntín, na parroquia de Sancovade, unha actuación impulsada directamente dende a Alcaldía e orientada a mellorar as condicións de mobilidade da veciñanza.
Os traballos realizados incluíron o barrido do firme por medios mecánicos, a aplicación dunha dobre rega asfáltica e un tratamento de selado; actuacións que permitiron mellorar de maneira notable o estado dunha pista duns 150 metros de lonxitude, que constitúe o único acceso ás vivendas ás que dá servizo.
A alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, e o concelleiro Luis Fernández desprazáronse hoxe ata a zona para comprobar o resultado das actuacións e coñecer de primeira man o impacto da intervención no día a día da veciñanza.
Durante a visita, a alcaldesa Marta Rouco destacou que “trátase dunha actuación moi necesaria, cun impacto directo no día a día dos veciños e veciñas, xa que estamos a falar dun vial polo que se accede de maneira exclusiva a varias vivendas”.
A rexedora vilalbesa subliñou tamén que “este tipo de intervencións, aínda que ás veces menos visibles, son fundamentais para garantir servizos públicos de calidade no rural e para dar resposta a necesidades reais da veciñanza”. “O noso compromiso é seguir mellorando as infraestruturas municipais, atendendo tanto ao casco urbano como ás parroquias, con actuacións útiles e ben planificadas”, concluíu Marta Rouco.