Rematan as obras en varias rúas de Feira do Monte e Muimenta
A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio investiu 123.000 euros nas obras de reforma executadas en diversas rúas e espazos públicos de Feira do Monte e Muimenta, no municipio de Cospeito. O delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro, visitou algunhas das actuacións realizadas acompañado polo alcalde, Armando Castosa.
Nos últimos meses realizáronse obras de mellora en pavimentos, beirarrúas e mobiliario urbano. En concreto, o propósito dos traballos foi a humanización do espazo urbano, incrementando a seguridade para o peóns, dotando ás rúas de elementos pensados para eles, tales como os bancos onde sentar e as varandas, e mellorando a imaxe estética das rúas colocando flores en macetas colgadas das varandas. No caso concreto de Feira do Monte, tamén se actuou para salvar os magnolios da avenida principal.
Balseiro explicou que a Xunta da continuidade ao programa de apoio aos concellos para intervencións destinadas a mellorar as dotacións municipais e, con elo, a calidade de vida dos veciños e veciñas. O obxectivo último, apuntou, é avanzar no equilibrio territorial, proporcionando servizos e infraestruturas modernas e de calidade aos veciños das vilas de tamaño medio, “de forma que se perciban como lugares agradables para vivir e para visitar”.
A Consellería do Medio Ambiente presta especial atención aos núcleos rurais, atendendo á realidade sociodemográfica de cada un deles e procurando a comodidade do seus habitantes.