Rematan en Abadín as obras de reforma do pavillón municipal

TerraChaXa
Paralelamente, o Concello continúa coa súa aposta pola mellora da rede viaria municipal, con actuacións en Corvite e Fanoi
pavillon-municipal-de-abadin
29 Sep 2025

Este fin de semana tiveron lugar os actos de inauguración das reformas do Pavillón Municipal de Abadín, que se estreou cun encontro de liga de fútbol sala entre o Abadín FS e o Oural FS. O partido resultou moi igualado e concluíu cun empate a tres goles.

O proxecto de mellora do recinto deportivo incluíu a instalación dun novo chan técnico, máis adecuado, seguro e confortable, pensado tanto para a práctica de diferentes modalidades deportivas como para a celebración doutros eventos de carácter social ou cultural. Desde o Concello de Abadín destacouse que esta intervención supón un novo paso no compromiso municipal co deporte, a saúde e a mellora das infraestruturas públicas, co obxectivo de ofrecer espazos de maior calidade en beneficio de toda a veciñanza.

Paralelamente, o Concello continúa coa súa aposta pola mellora da rede viaria municipal. Nestes días están en execución os traballos no tramo que vai desde Augalevada-Barencelle ata Casás, en Corvite. A obra, a cargo da empresa Construcciones Cholo S.L., consiste na limpeza de cunetas, apertura de caixa, achega de grava e gravillón e a aplicación dun triple rego asfáltico. O obxectivo é facilitar a comunicación entre parroquias e incrementar a seguridade viaria.

Así mesmo, tamén se están a desenvolver labores de acondicionamento na parroquia de Fanoi, onde se executan obras destinadas a mellorar os accesos e a garantir unha maior comodidade para os veciños e veciñas. Estes traballos, tamén realizados pola empresa vilalbesa Construcciones Cholo S.L., súmanse ás intervencións xa feitas noutras zonas do municipio, enmarcadas nun plan global co que o Concello de Abadín busca ofrecer uns servizos públicos de maior calidade.

⚙ Configurar cookies
0.095839977264404