Rematan en Friol as primeiras Olimpíadas Rurais de Galicia
Friol clausurou este domingo as súas Olimpíadas Rurais, que ao final conseguiron un gran éxito de participación durante as tres xornadas que duraron.
O equipo gañador desta primeira edición foi Juais Team, sendo o segundo Transjalaicos e o terceiro Lamalexos.
Finalmente as sesións de probas contaron con numeroso público que se achegou a Friol para ver disputar as diferentes probas celebradas, como os zancos, os tiradores, o lanzamento de lastra, a carreira de sacos, o garrote, dacabalo, a cucaña, os mizos, as cintas, a corda, a carretilla, a sillita da raíña, a corda ou os lazos.
A inspiración para crear estas primeiras Olimpíadas Rurais de Galicia xorde das primeiras olimpíadas rurais que se celebraron en España: as dos Pedroches (Estraña, Córdoba), que desde hai 14 anos congregan cada verán a 48 equipos de todo o sur para competir nunhas Olimpíadas que recuperan os xogos tradicionais dos pobos.
Ademais das probas deportivas, esta primeira edición contou con outras actividades paralelas como actuacións musicais e experiencias gastronómicas.
O alcalde, José Ángel Santos agradeceu a todos os participantes que formaron cada equipo, "sen dúbida, a parte de ser valentes e competitivos, deron un exemplo de compañeirismo, compadreo e amizade. Moitas grazas aos veciños e veciñas de Friol pola boa acollida, implicación e apoio, para que este proxecto fose unha realidade."
Tamén tivo palabras de agradecemento para o Colectivo Hércules, na figura do seu presidente, Tor López, a todos os xuíces, aos speakers, ao promotor mediático Sacho-selfie, a todos os expositores e aos traballadores do Concello.
"E por último dar as grazas a Xunta de Galicia, concretamente a Consellería de Medio Rural que a través da Agader financia conxuntamente con Turismo o 100% estas Olimpíadas Rurais, especialmente agradecer o apoio incondicional da Conselleira María José Gómez".
Na entrega de premios anunciouse tamén que o próximo ano volverán as Olimpíadas Rurais e volverá ser Friol o punto de encontra para a nova cita.