Rematan en Muras as obras de mellora en sete quilómetros de vías nas parroquias

O Concello de Muras vén de executar un ambicioso proxecto de mellora do firme en varias das súas estradas municipais, co obxectivo de reforzar a seguridade viaria e mellorar as comunicacións nas parroquias. As actuacións desenvolvéronse ao longo de 7 quilómetros que discorren polas parroquias da Balsa, O Viveiró e Silán, e supuxeron un investimento total de 385.147,76 euros, financiados con cargo ao Fondo de Compensación Ambiental 2025.
Os traballos consistiron nunha intervención integral sobre a capa de rodaxe das vías, con labores de bacheo en zonas puntuais e un recrecido do firme a través da aplicación dunha mestura bituminosa continua en quente (M.B.C.) tipo AC16 SURF B 50/70 D, cun espesor de 5 centímetros. Esta mellora permitirá un tránsito máis cómodo e seguro tanto para os vehículos lixeiros como para o transporte agrícola e forestal, tan habitual no municipio.
Ademais da renovación do pavimento, tamén se acometeron obras para optimizar a drenaxe das estradas, mediante a limpeza e reperfilado das marxes e a posta a punto das taxeas existentes, evitando así problemas de acumulación de auga en épocas de chuvia. Outro aspecto destacado foi a incorporación da sinalización horizontal en todo o tramo obxecto de mellora, un elemento fundamental para incrementar a seguridade viaria e garantir unha circulación máis ordenada.
Desde o Concello salientan que este proxecto responde ao compromiso de manter e mellorar a rede de estradas municipais, garantindo a súa conservación e apostando por investimentos que teñen un impacto directo na calidade de vida da veciñanza. Ademais, subliñan a importancia do Fondo de Compensación Ambiental como ferramenta clave para financiar actuacións que permiten avanzar cara a un territorio máis seguro, accesible e sostible.