Rematan en Muras as obras no colexio Antía Cal

TerraChaXa
O Goberno local de Muras rematou as obras de mellora do CEIP Antía Cal de Muras, das que se ocupou logo de non conseguir o apoio da Xunta para acometelas.
17 Dec 2023

O Goberno local de Muras rematou as obras de mellora do CEIP Antía Cal de Muras, das que se ocupou logo de non conseguir o apoio da Xunta para acometelas. Estas consistiron no amaño da cuberta e das baixantes ademais de mellorar os peches de fiestras e portas, entre outras necesidades.

Actualmente cursan estudos quince escolares de entre cero e once anos no colexio Antía Cal de Muras, de tal xeito que as familias poden escolarizar aos seus fillos e fillas no propio termo municipal.

O Concello de Muras tiña enviado á Consellería de Educación un informe no que daba conta dos problemas que ten o CEIP e reclamaba a mellora das mesmas.

Indicábase nese informe que hai un deterioro importante do tellado, con lousas soltas que teñen un perigo inminente de caída, de feito algunhas xa caeron. Hai tamén baixantes estragadas que provocan diferentes problemas no centro xa que moitas tamén están oxidadas.

O centro foi feito no ano 1987 e durante estes anos non se volveu a facer obra no mesmo. O Concello realizou tamén unha serie de mellores na zona de Educación Infantil, xa que se pintou a aula e se lle deu un cambio de imaxe. En anos anteriores tamén o ente municipal fixo outras obras, como o cambio da caldeira para pellets e a adaptación dos baños.

"Sen os investimentos do goberno municipal do BNG estes nenos e nenas terían que desprazarse ata Xermade, a 20 quilómetros da súa residencia, dificultando por exemplo a conciliación dos pais e nais", explica o alcalde.

0.20654797554016