Rematan este sábado en Friol as xornadas de cine rural

Durante os meses de xaneiro e febreiro Friol desfrutou de catro tardes de sábado de cine, gracias ás segundas Xornadas de Cine Rural que o Concello organiza en colaboración co Departamento de Pedagoxía e Didáctica da USC, representado neste caso polo veciño de Friol Suso Rodríguez.
Estas xornadas comezaron o sábado 25 de xaneiro, e continuaron os días 1, 8 para rematar este sábado 15 de febreiro, ás seis da tarde, no salón de actos do Centro Sociocultural de Friol.
Na primeira das xornadas, viuse a reportaxe Tiempo de ilusión, tiempo de recuerdo, emitida no ano 1979 no programa da TVE Vivir cada día sobre o rural galego, no concello de Friol. Na segunda xornada proxectouse De Quijotes y Semillas, documental no que o cociñeiro Santi Cordón realiza unha viaxe en verducleta e fai unha incursión á España esquecida. Durante a terceira xornada, viuse Paxaros de Algodón, unha fiestra que permita coñecer mellor os trastornos de espectro autista (TEA).
E para rematar con estas segundas xornadas de Cine Rural, este sábado 15 de febreiro, proxectarase A mestra de escola, documental dirixido por Alba Prol e producido por Meteórica Cine, que é unha peza audiovisual que afonda na realidade educativa do rural galego a través das experiencias de seis mulleres vinculadas ao ensino (mestras e antigas alumnas que comparten vivencias persoais e reflexións sobre a evolución do sistema educativo).
Coa colaboración do Museo Pedagóxico de Galicia (Mupega), o filme pon de manifesto a relevancia do ensino rural na configuración da identidade cultural galega.