Rematan na Pastoriza as obras do Plan Único e o pleno acorda a prórroga do contrato do SAF

O Concello da Pastoriza vén de rematar as obras incluídas no Plan Único da Deputación, cun conxunto de intervencións que se levaron a cabo nas parroquias de Pousada, Crecente, Cadavedo, Reigosa, Loboso, Bretoña, San Cosme de Piñeiro, Aguarda, Xemil, Álvare e Gueimonde.
Segundo anunciou o Concello, nos vindeiros días presentaranse os proxectos correspondentes ao ano 2025, co obxectivo de seren licitados nun prazo breve.
Ademais, na última sesión plenaria, o goberno local aprobou a prórroga por un ano do contrato do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), que fora asinado hai dous anos e tiña prevista esta opción. O contrato ronda o millón de euros anuais e forma parte dun acordo inicial que superaba os catro millóns, incluíndo dúas posibles prórrogas. A medida foi aprobada en solitario polo equipo de goberno, coa abstención do PSOE e do BNG, formacións que aproveitaron para reivindicar a xestión directa do servizo, tal e como se acordara no seu momento.
Tamén se aprobou un expediente municipal de crédito, cos votos a favor do PP e do PSOE e a abstención do BNG, para financiar dúas actuacións do fondo de compensación ambiental. Estas obras inclúen a urbanización dunha rúa en Bretoña, cun orzamento próximo aos 50.000 euros, dos que o Concello achega 14.000; e a mellora da rede de abastecemento municipal de auga, que inclúe a dotación de telemetría e clorimetría no depósito de Toucido e a mellora do sinal das estacións de bombeo de A Pastoriza e Baltar. Esta última actuación conta cun investimento total de 28.246,24 euros, dos que a Xunta de Galicia aporta máis de 20.000 euros e o Concello uns 7.000 euros.
Por último, validouse un segundo expediente de crédito para recoñecer obrigas de pago pendentes de 2024 por un importe de arredor de 160.000 euros, co fin de abonar facturas correspondentes a este exercicio. A oposición abstívose nesta votación, na que tamén se deu conta da liquidación do orzamento municipal de 2024, cifrada en 3,4 millóns de euros.