Rematan os traballos de mellora no centro de saúde das Pontes
O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou un novo investimento de máis de 3 millóns de euros para renovar, neste 2021, os sistemas de climatización de polo menos 10 centros de Atención Primaria, mellorando a eficiencia enerxética así como o confort dos pacientes e dos profesionais.
Así o informou durante unha visita ao centro de saúde das Pontes, que conta xa con novos equipos de climatización e iluminación, e no que se destinou arredor de 800.000 euros que estará amortizado en oito ou nove anos coa diminución do consumo enerxético.
Neste centro realizaronse melloras na eficiencia enerxética e no envolvente da fachada, ademais dalgunha obra puntual no seu interior. Colocáronse bombas de calor, sistemas de illamento interior, renovouse a carpinteria exterior, a cuberta cambiouse por unha de zinc e tamén cambiaron todas as bombillas por lámpadas de baixo consumo.
Estas dúas obras súmanse a outras xa rematadas, como a reforma do centro de saúde de Ortigueira, este ano; “e temos prevista tamén a sinatura dun convenio con Monfero, ademais de valorar outra ampliación do centro de saúde de Valdoviño e a do centro de saúde de Cedeira”, engadiu.
O titular da Xunta lembrou que, con este centro das Pontes, nos últimos doce anos construíronse ou reformáronse un total de 85, cun investimento de 110 millóns de euros. Nesta liña, precisou que neste 2021 duplicouse o orzamento para infraestruturas de Atención Primaria, pasando dos 26 millóns en 2020 a case os 55 millóns actuais.
Así mesmo, recordou que na candidatura de Galicia aos fondos Next Generation figura As Pontes, “e espero que este Concello tamén figure no mapa das respostas do Goberno central aos proxectos que presentamos”, dixo, facendo fincapé na necesidade de que todas as administracións subscriban o Pacto de Estado, “xa que estamos a falar dun proxecto apolítico que busca o mantemento do emprego, que busca establecer unha alianza para retomar a reindustrialización da comarca”, concluíu.