Rematou a mellora da sinalización turística do Concello de Foz
Remataron as obras de mellora da sinalización turística contratadas polo Concello de Foz á empresa SETRAMUR SL cun investimento de 22.506 euros. Foron supervisadas polo alcalde, Fran Cajoto, e o concelleiro de Turismo, Chema Linares.
O edil delegado de Turismo explicou que “con esta actuación o Concello dá un paso máis na sinalización dos recursos do municipio de Foz, que aínda ten potencial turístico por desenvolver. Agora todas as nosas parroquias e as nosas praias máis importantes están debidamente nomeadas”. E destacou que “por primeira vez sinalízase a praia de Tupide, que é urbana, está xunto á Rapadoira e é moi querida polos veciños. Polo tanto estamos especialmente contentos de que isto sexa así”.
Chema Linares considera que “aínda queda moito por facer en materia de sinalización turística e seguiremos avanzando nos próximos anos. Pero rematamos esta actuación que creo que foi positiva para o concello de Foz”.
E o alcalde comentou que “un turismo de calidade é un motor económico de primeira orde; avanzar e poñer en valor os nosos recursos cunha mellor sinalización contribuirá a este obxectivo así como a diminuír a pegada de carbono das persoas que nos visitan. Unha mobilidade máis sostible é un dos retos do executivo focense, que vén de aprobar en pleno o Pacto dos Alcaldes polo Clima”.