Rematou o programa Terra de Cogomelos nas Pontes coa entrega de premios
Púxose fin a 3 meses intensos de actividades do programa municipal As Pontes, Terra de Cogomelos, coa entrega de premios ás 9 persoas finalistas e gañadoras dos concursos gastro-micolóxicos. Nesta edición primaveral, incluíronse 2 concursos aos que foron presentadas 26 receitas. O primeiro deles dirixido á cidadanía afeccionada aos cogomelos e ao seu valor culinario, mentres que o segundo congregou aos cociñeiros profesionais e estudantes de cociña. En total foron presentadas 26 receitas, das cales a maioría correspondían a categoría de receitas salgadas.
O xurado e participantes nos concursos reuníronse en sesión pública na cociña do local veciñal Beira do Eume no barrio do Chamoselo, para disputar a final dos micoconcursos. Os concursantes finalistas fixeron entrega do seu prato de forma presencial e o xurado avaliou en función da súa orixinalidade, presentación, técnicas empregadas, protagonismo dos cogomelos, aroma e por suposto, o sabor das 9 receitas finalistas. Para a valoración das receitas, conformouse un xurado no que participaron a cociñeira pontesa Teresa Cabarcos, o hostaleiro Víctor Varela do Restaurante Hume e os representantes da agrupación micolóxica Poupariña, Manuel Mora e Miño Guerreiro. Os membros do xurado, tras as oportunas puntuacións outorgadas, deron a coñecer ás persoas participantes a súa condición de gañadoras. O súa experiencia e dedicación foron cruciais para avaliar e seleccionar as mellores receitas desta edición primaveral, un traballo que requiría tanto coñecemento como sensibilidade culinaria.
No concurso amador, a primeira posición na variedade salgada foi para a pontesa Montse Gómez Cabarcos, coa receita Hamburguesas de cogomelos en pan con fariña de suillus luteus e cúrcuma. Mentres, respecto á doce, o gañador foi Roberto Gómez Caridad, coa receita Niarroz Nileche.
Outras exquisiteces que chegaron a final do concurso amador foron: os Bombóns de cantharellus pallens de Mónica Gómez; o Cepo de castiñeiro de Monse Balsa Sanjuan e o Trampantojo de vieiras con craterellus tubeiforme e lasgonstinos de Fátima Filgueira.
O premio ao mellor cociñeiro profesional de cogomelos recaeu en Gabriel Ǫuispe Peña coa súa proposta innovadora Espuma de boletus con xema curada, mix de cogomelos e aire de boletus. O gañador é alumno no Centro de Formación Profesional Paseo das Pontes da cidade da Coruña, é grazas a alzarse con este galardón, realizará o showcooking durante a próxima edición da Feira de Fungos e Cogomelos no mes de outubro.
As outras 3 receitas finalistas no concurso de chefs profesionais foron: Milfollas de trompetas da morte e níscaros, espuma de boletus, redución de oporto e tomates encurtidos de David Iglesias Muíño; Canelón de cogomelos, mazá, redución de oporto e crocante de parmesano de Elisa Segade García e Leira de champiñóns portobello de Rosa Sánchez de Casa Trillo (Muxía).
Elena López, concelleira de Axenda Urbana, Turismo, Deporte e Promoción Económica, sinalou que “esta 39 edición de Terra de Cogomelos foi unha das máis exitosa tanto en público local como visitantes, pero tamén na calidade e diversidade das actividades ofertadas. O máis agradecido desta edición é o interese dos 5 centros escolares da vila, que participaron activamente nas saídas ao monte realizadas coa colaboración dos compañeiros de Poupariña”. Así mesmo, Elena López comentou que “xa está moi avanzada a programación da 49 edición das xornadas micolóxicas, que este ano celebraranse entre os meses de setembro e novembro”.
Os agasallos entregados ás persoas finalista foi do máis variado e co fin de produndar na micoloxía. Entre os premios destacan os permisos anuais de autorización de acceso con fins de autoconsumo ao Couto Micolóxico do Monte Forgoselo, as bandexas de shiitaxe en ecolóxico da empresa Setabella do produtor pontés Rafael Corral, as Novas Guías de Cogomelos de Galicia editadas no 2023 pola Xunta de Galicia e ceas a base de cogomelos nas xornadas micolóxicas que celebrará en outono o Restaurante Hume, xestionado polo hosteleiro Víctor Manuel Varela e o cociñeiro Ismael Esteban.
Como broche de ouro do programa, elaborouse o receitario en versión dixital, que compila todas as receitas salgadas e doces elaboradas. Este receitario non só celebra a diversidade culinaria da micoloxía local, senón que tamén serve como unha ferramenta educativa e de inspiración para aqueles interesados en explorar a cociña a base de carpóforos. Estará dispoñible para todas as persoas e poderase solicitar o seu envío por correo electrónico. Nel inclúense a cantidade de ingredientes necesarios para levar a cabo a elaboración, os pasos a seguir e unha imaxe do empratado.
Elena López rematou a entrega de premios recalcando “a importancia dos aproveitamentos culturais, económicos e turísticos dos cogomelos. Agradezo en nome do Concello a todas as persoas participantes nos concursos de receitas pola súa implicación, e felicito ás persoas gañadoras e finalistas pola calidade das súas elaboracións”.