Remedios González será a candidata do PP á Alcaldía de Rábade

TerraChaXa
A actual voceira do Grupo Municipal Popular, Remedios González Cabarcos, será de novo a candidata do PP á Alcaldía de Rábade tal e como o aprobou a xunta xestora do PP local.
RABADE_RemediosGCabarcos
25 Xan 2019

A actual voceira do Grupo Municipal Popular, Remedios González Cabarcos, será de novo a candidata do PP á Alcaldía de Rábade tal e como o aprobou a xunta xestora do PP local. González Cabarcos xa encabezara a lista nas pasadas eleccións municipais do 2015 cando a súa candidatura foi a máis votada por enriba da do actual rexedor que pactou cos socialistas para chegar á Alcaldía.

A candidata popular foi presentada este xoves nun acto que contou coa presenza do secretario xeral do Partido Popular lucense, Carlos Armesto; alcaldes e deputados provinciais da zona; ademais de afiliados e simpatizantes que a arrouparon para afrontar uns novos comicios electorais co reto de lograr a Alcaldía rabadense.

Así, Armesto apostou por un Goberno do PP en Rábade para recuperar “unha xestión comprometida coas necesidades reais e máis inmediatas dos rabadenses fronte ao desgoberno de Fernández Montes e do seu socio socialista no Goberno local”. Nese sentido, convidou á candidata “a seguir o exemplo do seu pai, o anterior alcalde popular Alfonso González, que logrou o apoio maioritario dos veciños e veciñas do municipio”. Nese sentido, o secretario xeral dos populares lucenses achegoulle a confianza da dirección provincial que non dubida que “Remedios revalidará de novo nas urnas a confianza dos seus veciños e veciñas ata acadar eses poucos votos que nos faltaron para que Rábade teña unha alcaldesa exemplar, eficiente e cunha destacada capacidade de xestión como demostra no ámbito educativo”.

González Cabarcos, mestra e directora no colexio de Rábade, encabeza de novo a lista popular “con ilusión e responsabilidade” e co obxectivo de “sacar a Rábade do escuro túnel no que leva inmerso 20 anos” e que, polo tanto, “non favorece á vila nin a nivel económico nin social. É máis, imos a peor”. De feito, a popular afirma que “os veciños e veciñas de Rábade perdemos calidade de vida. Se xa no 2015 os rabadenses sufriamos continuos problemas co servizo de abastecemento de auga, a situación segue a ser a mesma despois de catro anos”. Isto demostra a “incapacidade de xestión do actual equipo de Goberno que non se preocupou por solucionar os problemas dunha traída de auga moi deficiente”, indica González Cabarcos.

Igualmente, a candidata do PP á Alcaldía lamenta que “Rábade viva nun estado de obras permanente. É dicir, as vías do municipio están sempre sen rematar provocando prexuízos no desenvolvemento das tarefas da vida diaria dos veciños e veciñas”. Precisamente as necesidades dos rabadenses serán a prioridade de González Cabarcos que se compromete “a traballar para resolver as súas necesidades”.

Por outra banda, a candidata popular non esquece “a necesidade de fomentar o sector industrial na vila como fonte de emprego e riqueza. Hai que apostar polo asentamento de empresas no polígono de Rábade”, dixo.

Currículo
Remedios González Cabarcos é pedagoga e actualmente dirixe o CEIP Otero Pedrayo de Rábade tras unha traxectoria de 30 anos como docente e 16 como directora de centros educativos. Especialista en Educación Musical e Experta Universitaria en Tecnoloxías para a Educación e o Coñecemento (“Informática Educativa” e “Internet, Aplicacións Didácticas”) coordinadora e participa como relatora en diversos cursos e foros educativos.

É voceira do Grupo Municipal Popular dende as pasadas eleccións municipais do 2015 en Rábade onde é concelleira dende o 2011. É membro da Comisión de Educación do PP de Lugo.

RABADE_RemediosGCabarcos
0.12564301490784