Remeiros galegos en Euskal Herria
Por Raúl Río
En Galiza tampouco o mundo do remo é alleo á emigración e catorce remeiros, catro remeiras e o adestrador de Zierbena, Xan Zunzunegui, militan en diferentes clubs do País Vasco, todos eles nas máximas categorías do remo estatal.
Hoxe quixera falar de catro deles, dos éxitos e triunfos deportivos de Fernando Rúa, Diego Hermo, Davide Iglesias e Oscar Viudez, remeiros da Sotera de Santurtzi, que gañaron, con esa traíña o campionato de Liga ACT de remo, o pasado 20 de setembro en augas de Portugalete.
É certo que Fernando Rúa so exerce de emigrante a tempo parcial, xa que traballa e adéstrase en Galiza e os fins de semana trasládase da ría de Vigo á ría do Nervión.
Empezou a bogar en Tiran, no que estibo naqueles anos de apoxeo, gañando con ese club os campionatos de España do 96 e 97 e quedando segundos na regata da Concha do 96, despois de gañar as dúas quendas, polo que considera que esa regata é moi inxusta.
Naquela época de bonanza estaba de adestrador en Tiran, Xosé Manuel Francisco, segundo el, a personalidade que mais sabe de remo de todo o Estado Español, pero, ao irse para Kaiku, Fernando deixou de remar porque pensaba que sen Xosé Manuel era moi difícil gañarlle aos vascos.
Despois convenceuno para ir a Astillero, no que gañaron daquela seis campionatos de España, entre o 2002 e 2009. Estivo un ano enteiro vivindo alí, pero como non lle gustaba o ambiente de Cantabria quixo irse, sen embargo o club quería que se quedara e fíxolles a proposición de que pola semana iría traballar e adestrar en Galiza e os fins de semana estaba alí. Dese xeito botou en Astillero entre o 2002 e 2009, quitando o 2003, que bogou en Meira.
No ano 2010 Xosé Manuel Francisco ficha por Bermeo Urdaibai e lévao con el, pero, despois de estar alí dous anos, Xosé Manuel marchouse angustiado e deixou o remo, por que, segundo Fernando, as iconas sagradas do remo vasco non podían permitir que un galego, que gañou oito Campionatos de España, unha Liga e catro Conchas, soubera de remo mais que eles.
El segue en Bermeo, primeiro con Etxabe e logo con Jon Salsamendi, e estando nese club tivo que operarse dun ombreiro que se lle saía continuamente, debido a un accidente laboral e tivo que deixar de bogar. Pensaba que xa con 43 anos non ía poder remar mais e estivo na vila de Cangas de adestrador de rapaces durante dous anos. Como seguía en forma, no 2018 chamouno o compañeiro de cando bogaban na Bou Bizkaia de Bermeo, Iker Zabala, que adestraba á Sotera de Santurtzi, á que acababa de subir á Liga ACT.
Non se queixa da afección que hai en Galiza, pero di que si saen remeiros bos chegan os vascos cos cartos e lévanos.
Outro que so emigra os fins de semana é Diego Hermo, xa que entre semana vive, traballa e adéstrase na Coruña.
Naceu en Noia e empezou a remar na Pobra do Caramiñal. Despois, con 11 anos, foise para León e empezou a xogar ao baloncesto, pero ao ver que non xogaba no seu posto, deixouno; volveu a Vigo e despois á Coruña e acordouse do remo, chamou a todos os clubs da zona, pero so Perillo tiña traíñas e alí empezou de novo.
Chegou á Sotera porque Iker contactou con el e xa coñecía a moitos compañeiros. Di que estaba no Kaiku, ofrecéronlle a oportunidade e aquí se quedou.
Ten o remo cono un divertimento, pero quéixase de que en Galiza, os recursos e a afección non é a mesma que no País Vasco: “En Galiza pode haber na zona das rías, pero, na Coruña van os que o practican e os seus familiares. Agora, onde hai mais é na zona do Grove, e Ferrol empeza a ter algo. En Cabanas tamén empezou a xente a seguilos e na Coruña, malia ter tanta poboación de onde se poden sacar varas, non se sacan. O remo en Galicia non ten tanta repercusión como pode ter aquí, aínda que na miña área está moi estendido.”
Di que antes na Coruña facíanse os campionatos de España e nas regatas do Teresa Herrera enchíase a dársena enteira. Esa bandeira era unha das mais importantes do Estado e os vascos sempre quixeron ir a ela porque era unha bandeira que daba moito diñeiro.
O grovense Oscar Viudez empezou a bogar en Mecos no ano 1998. Saíu buscando un pouco de ambición e un proxecto deportivo con garantías de chegar ao mais alto. Desde fai dez anos vive e traballa en Bermeo, pero xa leva varios mais fora da casa. Anteriormente estivo en Santander catro anos, despois en Bermeo un, e este tivo a oportunidade de vir a Santurtzi.
Davide Iglesias, tamén do Grove, empezou a remar en Mecos en 1998 e rematou en 2010. En 2011 chamárono de Castro Urdiales, onde tamén estivo en 2012 e logo en Bermeo, de 2013 a 2018.
Tamén chegou á Sotera da man do adestrador bermeotarra. Gustou do proxecto que tiña en Santurtzi e veu. “A min Iker xa me levara a Bermeo cando el aínda estaba de remeiro. Leva o remo no sangre desde pequeniño. É un líder”, dinos. E debe ter razón, pois subiuna fai tres anos á máxima categoría e este ano gañaron, ademais da Liga, cinco bandeiras, dúas delas en Galicia.
A historia destes catro deportistas amósanos que tampouco o mundo do remo é alleo a ese drama secular do noso pobo e, por desgraza, teñen que profesar as súas aptitudes deportivas lonxe da terra que os viu nacer.