Renda anuncia a rexeneración da vía que une a igrexa de Codesido e Tardade

O tenente de alcalde de Vilalba, Modesto Renda, anunciou este venres en Codesido que o Concello rexenerará ao completo a vía que une a igrexa da parroquia con Tardade.
A través dunha moi concorrida reunión, Renda explicoulle aos veciños/as presentes que esta nova obra terá un custe de 31.101,84 euros. Un importante investimento, que deixará totalmente renovados os preto de 2 quilómetros do tramo que comprende dende a estrada provincial LU-P-6513 e que dá acceso aos barrios do Cordal, Corredoira, Cartín, Trascastro e A Retorta, ata rematar na vía municipal 065_039.
Ademais o proxecto inclúe a necesaria limpeza de cunetas en toda a vía e colocación dunha nova sinalización vertical.
Así mesmo a xuntanza permitiu fixar de común acordo cos veciños/as presentes a rexeneración completa do acceso á Charca do Alligal como a seguinte obra na parroquia.
Renda, que agradeceu a grande afluencia de xente á reunión, comprometeuse a volver convocar aos seus veciños/as, unha vez estean rematados os traballos anunciados para fixar xa os seguintes.