Renda anuncia os cambios e mellora na sinalización do casco histórico

TerraChaXa
A maior parte deles son reclamacións veciñais e dos comerciantes da zona
nova-sinalizacion-vilalba-trafico
Modesto Renda coa nova sinalización de Tráfico
31 Maio 2024

O Concello de Vilalba mellora a sinalización do Centro Histórico, na liña do reclamado polos negocios da zona. Así o anunciou o tenente de alcalde e responsable de mobilidade, Modesto Renda, quen deu conta dos cambios acompañado da edil de turismo e comercio, María Xosé Fernández.

A primeira das reclamacións dos establecementos comerciais ía encamiñada a por fin ás queixas dos visitantes, no relativo á insuficiente sinalización do aparcadoiro público das Pedreiras.
Así colocouse nova sinalización vertical nas rúas da Pedra e Plácido Peña e dúas na praza de Santa María.

Tamén se reforzou a sinalización do sentido de circulación obrigatorio en Coronel Pena e an Porta de Cima. "Unha medida tamén encamiñada a poñer fin ás queixas e dúbidas dos/as visitantes, no relativo ós sentidos únicos obrigatorios que menos se están a respetar na zona vella", dixo Renda.

Ademais, fíxose a correcta sinalización dos accesos ao centro urbano desde a rúa da Ferrería.
"Unha demanda (de anos) dos establecementos comerciais e hostaleiros, coa que se lle facilitará a entrada ó centro urbano ós visitantes que acceden a Vilalba dende as autovías", engadiu.

Outra modificación foi o acceso pola rúa García Mato para o tráfico rodado prohibido, agás para os residentes con garaxe. Esta é unha reclamación neste caso máis veciñal que comercial que porá fin aos estacionamentos nesta rúa de dirección única e pouco marxe circulatorio, que tantos problemas estaban a dar ós residentes á hora de poder saír dos seus garaxes, tal e como explicou Renda.

Finalizaron coa correcta sinalización da limitación do estacionamento na fase piloto de peonalización da praza de Santa María. "Outra reclamación lóxica dos establecementos comerciais e hostaleiros, tamén, en aras de facer máis sinxelo o cumprimento das novas normas a veciños/as e visitantes, coa colocación de varios paneis informativos nas entradas da praza, concluiu.

0.19452810287476