Renda asegura que as licenzas de obra e actividade están ao día

TerraChaXa
O tenente de alcalde fixo balance do cambio que supuxo a supresión da antiga Comisión Informativa por unha especial do Plan Xeral
foto-modesto-renda-vilalba-aberta
Modesto Renda
2 Ago 2024

O tenente de alcalde e responsable de Urbanismo Modesto Renda deu conta dos resultados do que fora o seu primeiro cambio no departamento (efectuado a comezos da presente lexislatura) isto é: a supresión da antiga Comisión Informativa e a súa substitución por unha especial do Plan Xeral.

Unha decisión tomada "de común acordo" cos servizos técnicos municipais co ánimo de reducir os tempos de espera de veciños/as e empresas pois antes - explicou - "unha vez que resolvían os técnicos e asinaba o concelleiro, o particular tiña que agardar a que se convocara a citada comisión para que posteriormente lle chegara a resolución".

Este feito, supuña un atraso que chegou a ser de "cinco meses" e neste senso a medida. Con todo, o tenente de alcalde deixou claro que esta decisión "en ningún caso afecta en termos de transparencia", pois a antiga comisión era meramente informativa e "a mesma información que se lles facilitaba aos grupos da oposición se lles facilita agora de xeito dixital".

É por isto que, ó tempo que puxo en valor o grande esforzo dos traballadores do departamento, Renda celebrou que o resultado fora o desexado e, ao fin, as licenzas de actividade e obra estean "ó día" en beneficio de veciños/as e empresas".

Ademais, esa vella comisión substituíuse por unha especial de seguimento e control do Plan Xeral de Ordenación Municipal e, en breve, será convocada para dar conta ós grupos dos avances ó respecto, segundo adiantou.

Paralelamente, o responsable de Urbanismo fixou o desbloqueo das Bases ARI como prioridade nos vindeiros días.

0.10769391059875