Renda aumenta a partida orzamentaria destinada a infraestruturas rurais

TerraChaXa
O Pleno de Vilalba apoiou por unanimidade unha proposta do tenente de alcalde, que posibilitará a rexeneración de tres vías en Nete e Oleiros
modesto-renda-diante-das-obras
4 Nov 2024

O Pleno do Concello de Vilalba aprobou unha proposta do tenente de alcalde e responsable de Infraestruturas Rurais Modesto Renda que incrementará en 46.000 euros o diñeiro destinado ás parroquias e posibilitará a rexeneración e mellora de tres vías de titularidade municipal en Nete e Oleiros.

Concretamente trátase da vía de acceso aos barrios da Bouza e Lourixe, na parroquia de Nete; da que une os barrios do Cal da Pena, Vilariz e o Carboeiro co veciño Concello de Cospeito dende a estrada da Deputación, na parroquia de Oleiros (coñecida como estrada de Cartas), e a vía que une a última casa do barrio de Agadín, o Abeledo e A Granda, ata o enlace coa estrada da Deputación que une Oleiros coa Feira do Monte, en Cospeito.

A iniciativa foi apoiada por todos os grupos con representación municipal e o investimento total do Concello nas parroquias no que vai de lexislatura ascende aos 787.000 euros, se se suman os proxectos de obra rematados e os que na actualidade están en execución.

A proposta de Renda ó Pleno consistía en traspasar os 46.000 euros non executados da partida consignada para sufragar as nóminas do persoal do Museo (75.000 euros) á que actualmente está destinada ás obras no rural.

Unha cantidade non executada, pois a unha solicitude de excedencia, cómpre sumarlle a dunha baixa laboral que arroxan como resultante que, na presente anualidade, ese diñeiro en ningún caso podería dedicarse ó fin último para o que foi consignado.

"Trátase de facer da necesidade virtude, xa que falamos dunha importante cantidade que quedaría sen executar. A política municipal son prioridades e o estado destes tres vías obrigábanos a actuar", explicou Renda.

0.1296820640564