Reorganizarán 2.450 hectáreas en Outeiro de Rei a través de dúas concentracións parcelarias
Estes procesos, o de San Fiz de Paz e o de Arcos-Sobrada de Aguiar-San Lourenzo de Aguiar, beneficiarán 833 veciños e permitirán ampliar a base territorial de 125 explotacións das zonas decretadas, cun orzamento previsto de 7,3 millóns de euros.
O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado da directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, e do delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, xunto co alcalde de Outeiro de Rei, José Pardo, mantiveron hoxe unha reunión con veciños para presentarlles as dúas novas concentracións parcelarias decretadas neste municipio. Así, o conselleiro destacou que estes procesos permitirán reorganizar a estrutura territorial de 2.451 hectáreas de superficie, beneficiando 833 titulares e cun orzamento previsto de 7,3 millóns de euros. Así mesmo, segundo o tratado no encontro, tamén se impulsará unha zona de permutas de especial interese agrario, no marco da Lei de recuperación da terra, na liña das implementadas en Friol.
Concretamente, na zona de San Fiz de Paz reorganizarase unha superficie de 1.146 hectáreas distribuídas en 1.678 parcelas, propiedade de 313 veciños. No tocante á zona de Arcos-Sobrada de Aguiar-San Lourenzo de Aguiar, reestruturarase unha superficie de 1.305 hectáreas distribuídas en 3.039 parcelas, propiedade de 520 veciños.
Neste senso, José González sinalou que as parcelarias seguen a ser un dos mellores mecanismos para darlle máis valor ás terras, á vez que permiten aumentar a base territorial das explotacións e reducir considerablemente os seus custos de produción. Precisamente, nestas dúas parcelarias veranse beneficiadas desta reorganización territorial 125 explotacións.
Por iso, remarcou o conselleiro, o obxectivo da Xunta é seguir decretando novas zonas de concentración parcelaria onde a prioridade sexa, precisamente, a ampliación de base territorial para as explotacións agropecuarias. Para iso, a Consellería ten orzamentados 17 millóns de euros en 2023 para tal fin.
As parcelarias de Outeiro de Rei forman parte das 28 concentracións decretadas pola Xunta desde o ano 2021 ata a actualidade. Estas suporán a reestruturación de máis de 22.800 hectáreas distribuídas en case 110.000 parcelas de algo máis de 16.000 titulares. Concretamente, na provincia de Lugo foron 10 as decretadas nos concellos de Abadín, Friol, Castro de Rei, Becerreá, Castroverde, Cospeito e Outeiro de Rei.