Repartidas máscaras de protección entre o sector pesqueiro, marisqueiro e bateeiro

TerraChaXa | LugoXa
A Xunta de Galicia vai distribuír esta semana outras 20.
15 Apr 2020

A Xunta de Galicia vai distribuír esta semana outras 20.000 máscaras de protección fronte ao coronavirus que terán como destino preferente os tripulantes, mariscadoras e bateeiros, polo que serán achegadas a través de distintas entidades asociativas do sector como confrarías, lonxas ou organizacións de armadores así como polas asociacións de produtores de mexillón de Galicia. Este novo reparto súmase ao xa realizado a semana pasada que supuxo entregar 10.000 máscaras ás máis dunha trintena de lonxas situadas en portos de titularidade autonómica e que manteñen a súa actividade a pesares da declaración do estado de alarma para garantir o subministro de produtos de calidade á cidadanía. 

O Executivo galego pretende favorecer con esta medida que os profesionais vencellados a estas entidades do sector pesqueiro, marisqueiro e de produción de mexillón dispoñan de mellores medios para desenvolver o seu traballo, na medida do posible, en condicións de seguridade e poidan previr así posibles contaxios ao tempo que contribúen a evitar a expansión da enfermidade. 

Os elementos de protección individual que xestiona a Consellería do Mar xa foron entregados ao Servizo de Gardacostas de Galicia para que prepare os distintos lotes e os distribúa nos próximos días ás entidades destinatarias, ao igual que fixo no caso do material remitido ás lonxas a semana pasada.

No caso do sector pesqueiro, nesta ocasión tamén colaborarán na distribución entidades como a lonxa da Coruña, distintas confrarías ou asociacións de armadores como as de espadeiros da Guarda, a Cooperativa de Armadores do Porto de Vigo (ARVI) ou a Organización de Produtores de Pesca do Porto e Ría de Marín (Opromar). A súa distribución tivo en conta as xa entregadas e a capacidade de chegada ao sector en base ao seu número de socios ou aos barcos que efectúan as súas vendas a través delas.

En canto ao sector bateeiro, o reparto das arredor de 5.000 máscaras de protección que lle corresponden ás asociacións de produtores de mexillón realízase a través de máis de corenta entidades do sector e tendo en conta as bateas ás que representa cada unha delas. 

Posibilidades de distribución

A Consellería do Mar puido realizar esta entrega unha vez que o esforzo da Xunta por dotarse de material permitiu avanzar no seu reparto logo de atender as necesidades preferentes da actividade sanitaria, de política social e dos colectivos que colaboran nas funcións de seguridade e protección civil. 

Neste senso, a propia Consellería do Mar, en colaboración coa Consellería de Sanidade, teñen demandado do Goberno central que analicen a posibilidade de entregar materiais e equipamentos de prevención aos profesionais do sector marítimo-pesqueiro, namentres que a actividade siga sendo considerada esencial e toda vez que se entregaron este tipo de equipamentos a aquelas persoas de actividades non esenciais que volveron ao traballo onte. 

Esta petición realízase tendo en conta que varias entidades do sector se sumaron á opinión de que se debería dispoñer a preferencia de acceso a este material para aquelas persoas profesionais das actividades esenciais, dado que as dificultades de consecución de medios é evidente e palpable.

0.16247296333313