Reportaxe: Asociación de Mulleres de Insua, 14 anos de dinamización do rural
Por Vanesa Lama
Na Asociación de Mulleres da parroquia vilalbesa de Insua, unha das máis coñecidas da comarca, levan catorce anos inmersas na tarefa de recuperar e divulgar o cultivo e os traballos tradicionais do liño.
A súa creación no 2008 veu dada pola ansia dun grupo de veciñas de atoparen un lugar de encontro de seu: as mulleres non tiñan un sitio para xuntarse, como os homes na taberna, e tampouco había actividades para elas. “Durante ese primeiro ano”, explica Míriam Fernández Otero, historiadora de arte, tecelá e integrante da asociación, “foi todo unha toma de contacto, de mirar cousiñas para facer”. Como a todas lles interesaban a artesanía, ocorréuselles recuperar un oficio relacionado co téxtil e co cultivo do liño.
Esta idea non saía da nada, senón que veu da memoria das veciñas de máis idade, que aínda lembraban os tempos en que o liño era un cultivo máis na parroquia e en que as mulleres facían a maioría das prendas na casa, antes de que chegaran as facilidades para ir mercar roupa aos comercios. Así, da man das mulleres maiores, empezaron a sementar liño e obtiveron a primeira colleita no 2009.
Toda práctica agrícola abrangue asemade un conxunto de ferramentas. Na asociación amañaron e rehabilitaron todos aqueles apeiros que foron atopando arrombados nos faiados e alpendres e incluso conseguiron reproducir algúns moi danados polo paso do tempo. Por desgraza, queimáranse moitos ao considerar os donos que non facían falla e non contar con volver utilizalos, sobre todo os teares que avultaban moito e ocupaban bastante espacio.
O proceso do liño, tal como se facía tradicionalmente, transcorre ao longo do ano. Seméntase en marzo ou abril, arríncase no verán, faise a tasca en outubro, fíase e branquéase no inverno. Cando se ten o liño listo para tecer, hai que volver plantalo. “En total serían sobre 36 pasos diferentes (ripado, enlagado, amantado, arrestrelado...), o que require un gran traballo comunal que recaía fundamentalmente nas mulleres, aínda que os homes tamén axudaban algo”, sinala Míriam. A través destas etapas pódese contemplar como esta herba se vai convertendo paseniñamente nun prezado fío.
Sen dúbida, o evento estrela organizado pola asociación é a recreación anual nunha xornada dos traballos realizados nas antigas tascas do liño. Nestas reunións de carácter comunitario procedíase a eliminar a codia que recobre a fibra no banco tascón e, como non, tampouco faltaba a foliada. Ademais destas demostracións do proceso, organizan nese día diversas actividades culturais, como mesas redondas sobre temas relacionados co liño ou co mundo rural, exposicións de traxes e ata un concurso de poesía para adultos e outro de debuxo para nenos. “Estes concursos son outra maneira de implicar á xente da contorna no proceso, para dalo a coñecer sobre todo aos cativos. As bases están abertas para toda a provincia de Lugo”, comenta Míriam. A Tasca de Insua ten lugar no mes do outubro e conta tamén con actuacións musicais e incluso, como o ano pasado, actuacións para o público infantil, continuando a tradición galega de unir traballo comunitario e troula.
Unha vez obtido o fío, comeza a tecedura. As mulleres da asociación foron rehabilitando teares, antes moi comúns nas casas, e aprendendo a técnica grazas unha vez máis á memoria das compañeiras de máis idade ou ben a cursos de formación que foron buscando. Empezaron a traballar con outras fibras complementarias como a la e a recoller e conservar pezas téxtiles antigas.
Outro aspecto interesante que se recuperou foi todo o léxico relacionado con apeiros e tarefas, que varía segundo a zona e que deixara de utilizarse ao non realizarse xa eses traballos. Neste patrimonio oral inclúense tamén refráns e cantigas.
A evolución deste proxecto etnográfico recóllese no libro “As mulleres de Insua e o liño”, da mesma Míriam Fernández Otero en colaboración con Mario Outeiro e Xosé Felpeto Enríquez, publicado polo Instituto de Estudios Chairegos no 2019 para celebrar o décimo aniversario da asociación. A obra documenta todo o proceso do liño tal como se viña facendo na parroquia de Insua, ampliando o ámbito xeográfico a toda Galicia segundo se avanza na lectura. Permite tamén repasar a traxectoria da agrupación mediante unha serie de fotografías e recortes de prensa e contén unha recompilación da rica e variada cultura popular arredor do liño, dende contos e lendas ata un glosario que axuda a entender a ampla terminoloxía empregada.
Por outra banda, a asociación realiza unha excelente tarefa de divulgación desta tradición. Acoden a mostras e feiras de artesanía, a colexios, institutos e todo tipo de eventos culturais para facer demostracións destes traballos e promocionar a artesanía galega, o patrimonio e a transmisión da cultura do rural. Estiveron presentes por exemplo na pasada Feira do Queixo de San Simón e asistirán á próxima Feira de Artesanía de Vilalba os días 7 e 8 de maio.
A maiores do proceso do liño, a asociación de mulleres leva a cabo diferentes cursos de artesanía: cestería, pintura de vidro, patronaxe, todo aquilo que lles chame a atención e do que poidan conseguir formación. Tamén teñen o que elas chaman “talleres fixos”, nos que se poñen a fíar e tecen diversas prendas, utilizando moitas veces a fibra que elas mesmas cultivaron. Dispoñen para iso dun local na Casa Escola de Insua, con varios teares e outros apeiros necesarios.
Na actualidade son máis dunha trintena de socias, aínda que as máis activas son unhas quince. Xúntanse dúas veces por semana e durante os meses de confinamento botáronse moito de menos. Estas xuntanzas son un xeito moi efectivo de combater o illamento no que en moitas ocasións se atopa a muller no rural. Entre elas creáronse fortes lazos de amizade despois de todos estes anos de compañeirismo. Veciñas de barrios alonxados ou de diferentes idades tiveron unha oportunidade de coñecerse e de ter relación que de outra maneira non se daría.
A satisfacción polo traballo ben feito, o orgullo de recuperaren tradicións xa case esquecidas e de poñeren en valor un patrimonio tanto material como inmaterial inxustamente infravalorado e o reforzamento dos vínculos veciñais unen e animan a este grupo de mulleres a continuar coas súas actividades e fainas merecedoras sen dúbida do respeto e agradecemento do resto da sociedade.
Míriam Fernández é xestora cultural, tecelá e unha das integrantes da Asociación de Mulleres creada na parroquia vilalbesa de Insua.
Cando empezou a túa implicación na Asociación de Mulleres de Insua?
Tiña 17 anos cando empezamos no 2008. No principio era un punto de información e formación para a muller no medio rural, porque os homes aínda se xuntaban no bar un pouco cos veciños e cos amigos, pero as mulleres non tiñan un sitio para xuntarse e non había tampouco actividades. No rural ou hai algunha asociación que tire por iso ou hai pouquiñas cousas. E así foi cando miramos de facer unha asociación de mulleres, entre varias.
Como empezaches co liño?
Como a todas nos gustaba un pouco a artesanía e a tradición, ocorréusenos o tema de recuperar un oficio relacionado co téxtil e a tradición do cultivo do liño. Algunhas das mulleres acordábanse, outras xa non porque xa as collera o cambio de deixar de cultivar o liño, pero sobre todo as máis maiores acordábanse e da man delas fomos empezando. No 2009 tivemos a colleita inicial.
A partir da túa implicación coa asociación empezaches a tecer.
Si, en realidade empezou miña nai antes. Como lle gustou moito o que faciamos na asociación, foise formar ao Centro de Artesanía e despois foime formando ela a min pouquiño a pouco. Antes na casa da miña avoa tamén houbera tecelás, sobre todo a súa tía, ían aprender con ela, tecía para fóra e todo iso. Entón intentamos recuperar un pouco a tradición familiar.
Conservábase aínda o tear da casa?
Por desgraza non, queimouse desde que xa non se utilizaba. Conservamos algúns apeiros, como a vara de felpar e algúns peines. A que máis tecía era a tía da miña avoa da que falei antes, que quedara solteira. A miña avoa adicábase máis á agricultura, tecía tamén un pouco e cando o deixou, arrombáronse cousas. Non se contaba con volver a iso e o tear avultaba moito, cunha urdideira enorme que se enganchaba á viga do teito. Tiñan unha habitación específica para o tear, non todas as casas tiñan esa posibilidade de tela, moitas veces estaban en cuadras ou rochos porque como era unha actividade de mulleres non se apreciaba. Non todas tiñan un sitio específico para tecer.
“Hoxe é complicado vivir da artesanía ou da xestión cultural”
Con que materiais teces á parte do liño?
O liño cultivado, como dá moito traballo, ten outro custe, é para cousas especiais que che encargan sabendo ao que van. Tamén compramos liño industrial e sobre todo traballamos con fibras naturais: liño, la, algodón, seda, e despois con outras que son semi naturais, como o raión e tamén algunha sintética, pero sobre todo o que nos gusta traballar é con fibras naturais.
Fálanos un pouco do voso obradoiro Fusaiola
Empezou miña nai no 2012. Cando acabei de estudiar xa me incorperei máis activamente, ata daquela ela estiveráme ensinando, eu estivera aprendendo cousas, facendo cursos. Puxémoslle o nome de fusaiola, que fai referencia a unhas peciñas de forma circular que se poñen como contrapeso do fuso e permiten que xire para torcer o fío. No 2016 conseguimos a marca Artesanía de Galicia, que é un amparo da Xunta e axuda moito.
O obradoiro tédelo en Insua?
Si, nun rochiño que tiñamos que de feito era unha antiga cuadra, un alpendre que amañamos un pouquiño. Alí temos os teares, os fíos, todas as cousas para tecer. É pequeniño e familiar.
Graduáchete en Historia da Arte pola USC, unha carreira moi relacionada tamén co patrimonio.
Si, ao facer historia da arte xuntei as dúas cousas porque fago tamén investigación sobre o téxtil, reproducións e actividades en museos... Puxen un pé en artesanía e unín a práctica coa teórica.
Escribiches unha serie de artigos sobre o patrimonio chairego no Terracháxa, como valoras esa experiencia?
Estiven sete anos colaborando co Terracháxa. Tiven que parar porque se me xuntaron cousas. Empecei pouco despois de acabar a carreira, propúxerallo ao daquela director para divulgar sobre todo cousiñas que están cerca e que non coñecemos e para poñer en valor a Chaira e o que temos aquí.
Que te levou a facer un máster en servizos culturais?
O de servizos culturaís é un pouco xestión do proxectos e actividades culturais. Como xa tivera a experiencia da asociación e me gustaba toda esa organización de actividades, de difusión do patrimonio, decidínme a facelo.
Actualmente en que proxectos estás traballando?
Ademáis do obraidoro Fusaiola, traballo en Clío Gestión Cultural, en temas relacionados ou non co téxtil. Actualmente estamos preparando unha exposición en Salamanca, por exemplo. Se che digo a verdade, é complicado vivir tanto da artesanía como da xestión cultural. Hai veces que fas máis ou menos ou traballas só uns meses para compensar o resto. Estou contenta porque estou facendo o que me gusta, pero custoume moito chegar ata aquí. Hai que seguir loitando.
Participaches no vídeo que fixo este ano o Concello de Vilalba para conmemorar o 8M.
Gustoume moito cando mo propuxeron e decidínme para dar a coñecer a tecedura. Como era tema de mulleres antes non se lle daba o valor que merece, como a todos os oficios das mulleres en xeral. Expliquei un pouquiño o que fago. Quedei moi agradecida.