Reportaxe: Máxima calidade con bo saber facer
As producións gandeiras experimentaron un importante crecemento na última década
Tralo Agro ten as súas orixes na casa familiar de Isabel Gómez, aló por 1936. Fillos de emigrantes retornados de Bélxica, unha vez en España, “decidimos incorporarnos a unha vida no rural cunha visión empresarial e sempre pensando nun tipo de produción sostible, ecolóxica e baseada no benestar animal”, di Isabel.
Así que “iniciamos a nosa actividade no 2010 o meu irmán e máis eu coa cría de gando bovino xa existente realizando unha reconversión dos animais e os pastos a ecolóxicos o que durou un período de dous anos”. No 2012, certificáronse como produtores ecolóxicos e iniciaron outra actividade que é a cría de polos campeiro ecolóxicos.
Ofrecen aos clientes un produto de máxima calidade baseado “no saber facer que nos transmitiron os nosos avós e o respecto ao medio ambiente coa súa biodiversidade, o coidado e mimo dos nosos animais e alongando os tempos de cría dos mesmos”.
Actualmente teñen 150 cabezas das cales a maioría son raza Rubia Galega, e as outras cruces e algunha de raza asturiana, ademais seleccionaron as mellores nais reprodutoras. Pero sempre son reses da propia gandería e os tenreiros son nados e criados en Galicia que é o que garante a IGP Tenreira Galega entre outras condicións.
O seu gando está diariamente nos pastos e os tenreiros sempre acompañan ás nais ata o destete, que nesta granxa se realiza con 10 ou 11 meses de vida. Despois, estes tenreiros teñen as súas estancias con cama quente (palla) e disponibilidade de saír ao pasto para o seu cebo final que se realiza a base de forraxes propias cultivadas na explotación, como millo e herba seca.
“Ademais, como produtores de tenreira galega ecolóxica, decidimos crear unha nova vía de distribución. Unha ecotenda no polígono de Friol”, afirma Isabel Gómez, “se consumes ecolóxico coidas da túa saúde e axúdas a coidar do medio-ambiente”.
Juan Varela conta cunha granxa na parroquia de Rocha, en Friol, na que hai 450 animais entre nais e tenreiros. É una explotación extensiva o que significa que a maior parte do ano os animais están no prado en liberdade.
“Teño uns 450 animais de Rubia Galega”, di Juan, o cal leva catro anos como titular á fronte desta granxa aínda que toda unha vida nela, pois leva dende fai 20 anos traballando.
Para os seus labores conta con algún empregado que lle axuda nas tarefas diarias como a alimentación de herba seca e sil, para así poder ter a Ternera Gallega Suprema, cos requisitos que marcan as normas como que os tenreiros deben mamar mínimo ata os 7 meses e antes dos 10 meses hai que sacrificar aos animais. “O sabor nótase moito, ten moita máis calidade que outras carnes e porque a alimentación vale moito”, di Varela.
A pandemia tamén afectou a este sector, pois eles traballan coa hostalaría e ao pechar os restaurantes viron minguar os seus ingresos. “Baixou o prezo e por riba non houbo vendas coa hostalaria pechada. Ademais coincidiu coa tempada de inverno que xa soe ser frouxa e con todo isto moito máis”, relata Juan. Pero pasado un ano xa nota unha pequena recuperación, “isto mellora pero vai pouco a pouco”, remata dicindo Juan.