Reportaxe: O San Cosme da Montaña

TerraChaXa
O San Cosme da Montaña, coñecido como San Cosme de Galgao, é un dos máis coñecidos santuarios romeiros, situado no barrio da Xesta de Abadín
san cosme da montana
27 Feb 2021

Por Miriam Fernández

Falar de espiritualidade e romaxes en Galicia é falar de parte fundamental das raíces da nosa cultura popular. Cando pensamos nas romaxes inevitablemente vennos á mente as procesións, os bailes, as velas e os exvotos, as varas de rosquillas, as bendicións; conceptos que se funden nunha simbiose entre relixión e ocio que segue a manterse moi viva no tempo a pesar dos cambios da vida moderna.

O San Cosme da Montaña, coñecido tamén como San Cosme de Galgao, é un dos máis coñecidos santuarios romeiros da Chaira, situado no barrio da Xesta, freguesía de Galgao, Concello de Abadín. As peregrinacións ó San Cosme remontase máis alá dun século, unha romaxe que a día de hoxe segue unindo xeográfica e espiritualmente ás xentes da Chaira e da Mariña, pois a súa situación lindeira xerou un forte sentimento entre ambas comarcas.

As antigas crónicas apuntan que a orixe do santuario e a veneración de San Cosme nesta parroquia se remontan ó século X, aínda que nunha ubicación distinta á que ocupa o actual edificio, concretamente no monte do lugar de Samordás. Algunhas das versións estendidas afirmaban que o edificio primixenio era pequeno e o acceso a el tornábase complicado para os romeiros, pondo a proba a súa resistencia. O seu tamaño tamén impedía que todos os fieis que chegaban ata o lugar puidesen escoitar a misa, feito que supostamente motivaría o párroco a cambiar a ubicación do santuario a un espazo maior e máis accesible.

A partir deste momento as historias e lendas locais apuntan que o San Cosme comezou a desaparecer da pequena ermida para máis tarde aparecer lo lugar que ocupa o santuario actual, máis fermoso e adecuado para el e os seus fieis, un milagre que convenceu tamén ó pobo do seu traslado por tratarse do “desexo expreso do propio Santo”. Unha vez construída a nova capela e reubicado o santo, parece ser que a imaxe comezou de novo coas súas viaxes, esta vez de retorno á pequena capela orixinal. A xente, preocupada por este novo fenómeno, comezou a pensar que o Santo non se afacía á nova ubicación e que non se debía obrigalo a permanecer nela, máis, finalmente, descubriuse que o novo milagre tiña que ver directamente coa oposición dun dos veciños ó traslado da sede romeira. Outra das hipóteses sobre esta historia afirma que o que ocorreu realmente foi que a a capela e o Santo se reubicaron noutro lugar da parroquia segundo os desexos de varias familias de bo estatus económico coa aprobación e apoio do clero. Parte de verdade ou de lenda, o novo santuario do San Cosme inaugurouse oficialmente o un 25 de setembro de 1925 lo lugar da Xesta.

En canto á estrutura deste santuario, podemos dicir que se trata dunha sinxela construción relixiosa de estilo rural ou popular, unha estética moi común para as igrexas e capelas de moitas aldeas galegas. Presenta unha planta de cruz latina dun só corpo ou nave con cruceiro elevado, cun anexo de dous pisos na cabeceira a xeito de sacristía. A cuberta é de lousa, tal e como marca a tradición construtiva da zona, a dúas augas na nave lonxitudinal e transepto, catro no cruceiro e tres para a sacristía. Os paramentos internos e externos, realizados en cachotaría, están caleados, reservando a cantería para os elementos estruturais e decorativos (arcos, piares, ventas, zócalos, portas, pináculos, etc.), así coma para o campanario e as cornixas da fachada principal, na cal se abre unha fermosa porta de arco oxival que se repite, en menor tamaño, nun dos paramentos laterais. No seu interior atopamos diferentes imaxes, San Cosme, a Virxe do Rosario, San Martín, San Antonio de Padua, Santa María Magdalena, Santo Domingo de Guzmán, San Damián, etc. No brazo dereito do transepto existe un curioso orificio con tapa a xeito de esmoleiro que nos permite ver directamente as imaxes dos santos médicos, San Cosme e San Damián, a cada lado da Virxe.

A romaría do San Cosme da montaña ten lugar cada 27 de setembro, xornada na que dende ben cedo comezan a chegar os romeiros e devotos para escoitar misa, oñer o santo, andar a procesión, prender as candeas e depositar os exvotos de cera vinculados ás rogativas e peticións ó santo (tamén a San Damián) pola saúde dos enfermos, o bo parto das embarazadas, polo traballo e pola saúde dos animais. Fai xa máis dunha década tamén era tradición celebrar a festividade de S.Damián o 26 de setembro,  ritual no que se bendicía o gando e participaba na procesión.

Como xa se mencionou, o San Cosme da Montaña foi un Santo e unha romaxe moi querida tanto polos chairegos coma polos mariñáns á que acudía centos de devotos de toda clase e incluso de fora destas comarcas. Ata o novelista, poeta e dramaturgo mindoniense Álvaro Cunqueiro mostraba un especial cariño cara Galgao e o San Cosme da Montaña, pois recordaba que fora ofrecido de neno cunha cabeza de cera na man ó San Cosme e ó San Damián, xa que s seus país estaban preocupados pola súa incapacidade para gañar peso.  Esta vinculación faría que Cunqueiro continuase acudindo de adulto, ademáis das múltiples referencias dos santos nos seus textos, ós que mesmo lles atribuía a concesión da súa capacidade para a creación e a fantasía.

0.20540595054626