Representación teatral de Mal de Moitos en Outeiro de Rei
A Casa Museo Manuel María de Outeiro de Rei acolle este sábado 20 de xaneiro, ás 20 horas, a representación teatral dunha das obras galegas máis representadas da Guerra Civil, Mal de Moitos. Esta obra está escrita polos dramaturgos, actores, e membros da Irmandade da Fala de Ferrol, Euxenio Charlón e Manuel Sánchez Ermida, e que foi estreada o 29 de maio de 1915 no teatro Jofre de Ferrol.
O Grupo de Teatro da Sociedade Cultural Medúlio será o responsábel de a levar ao escenario esta peza teatral e o seu director, o ensaísta Francisco Rodríguez, fará, ao seu inicio, unha breve introdución da mesma e do teatro das Irmandades.
“Mal de moitos” recrea o diálogo entre un vello e un mozo que volta á Terra despois duns meses na emigración. A súa volta non pasa desapercibida, pois fala noutra lingua, viste de maneira ben rechamante e aparenta ser outra persoa.
Con esta actividade, a Casa-Museo retoma a súa programación cultural na que non faltarán nos próximos meses a poesía, a música... O próximo 3 de febreiro, o grupo teatral-musical Migallas realizará o espectáculo “Merenda con pan de millo”, dirixido ao público infantil e familiar.