Requeijo acusa a PP e PSOE de bloquear o pago das facturas a empresas e autónomos

TerraChaXa
O alcalde de Muras afirma que xuntaron forzas nos últimos plenos para opoñerse ao recoñecemento extraxudicial de crédito e poder aprobar diversas facturas.
14 Maio 2024

O alcalde de Muras afirma que xuntaron forzas nos últimos plenos para opoñerse ao recoñecemento extraxudicial de crédito e poder aprobar diversas facturas.

Após o pleno extraordinario celebrado en Muras na mañá do luns, desde o BNG sinalan que "unha vez mais volvemos comprobar como, o Partido Popular e a portavoz socialista manteñen unha alianza para tratar de bloquear o concello de Muras. Ambos partidos da oposición están empeñados en facer pinza contra o goberno local, aínda que sexa a costa de privar aos autónomos e empresas de Muras e da comarca de cobrar as súas facturas polos traballos e subministros realizados. Volveron xuntarse para votar en contra sen xustificación algunha, é o NON polo NON. Na comisión informativa calaron e non dixeron nada, nin para aportar, nin para modificar. Se non se posicionan ou informan na comisión das súas propostas, é imposible saber que é o que queren” manifestou o alcalde de Muras, que só ve nesta conduta unha escusa para votar que non: “Cando non hai motivos suficientes para soster un argumento, acábase caendo no infantilismo”.

"Desde o BNG hai sempre disposición ao diálogo, e man tendida para chegar a acordos. Concibimos a política como unha ferramenta para solucionar os problemas das veciñas e dos veciños. Se non saben estar á altura das circunstancias, é mellor que dimitan e non fagan pagar os pratos rotos aos autónomos e empresas que aínda están sen cobrar polos traballos e servizos realizados . Os recoñecementos extraxudiciais de crédito fanse todos os anos e en todos os concellos, tamén nos gobernados polo PP e polo PSOE, e ninguén se opón. Falta moita altura de miras e responsabilidade no cargo nos concelleiros/as da oposición”, sinalan desde o BNG.

Manuel Requeijo considera que “á vista de todos, e novamente, queda patente a alianza entre o PP e o PSOE de Muras, que como non conseguiron derrocar ao BNG nas urnas, pretenden facelo agora votando todo en contra. Son os do NON en Muras, no que vai de mandato votaron máis veces en contra que a favor".

“Eu seguirei traballando polos intereses da veciñanza de Muras, lles guste ou non á oposición e levarei de novo o acordo ao pleno para pagar esas facturas e as axudas porque as empresas e veciños non teñen culpa de nada. Para cobrar eles as súas dietas non votan en contra. Espero que expliquen publicamente as razóns do voto negativo, a ver se nos enteramos polo menos, porque no pleno e na comisión non dixeron un só argumento razoable”, engade.

0.18967890739441