Requeijo insta ao PP a aclarar a súa postura sobre a Marca Muras pedíndolle que desbloquee o polígono industrial

TerraChaXa
O alcalde lembrou que o proxecto leva anos paralizado, malia ser unha actuación estratéxica para o municipio
simulacion-poligono-industrial-muras-parque-empresarial
26 Nov 2025

O alcalde de Muras, Manuel Requeijo, respondeu ás declaracións da portavoz do PP, Eugenia Requeijo, quen o acusara de mentir ao afirmar que levara a iniciativa dos cargadoiros ao concello de Abadín. O rexedor pediu ao Partido Popular que aclare “se está ou non está en contra da marca Muras”, asegurando que este sería “o mellor momento para demostrar un apoio real ao concello”.

Requeijo lembrou que o proxecto do polígono industrial de Muras leva anos paralizado, malia ser unha actuación estratéxica para o municipio. “Iniciamos este proxecto no 2018 e quedou bloqueado no 2021. Existe unha proposta para desenvolver 40.000 metros cadrados de solo industrial e crear arredor de vinte postos de traballo, pero continúa paralizada pola Xunta, que é quen ten as competencias”, afirmou.

O alcalde destacou que a colaboración da portavoz popular sería benvida para avanzar nun desbloqueo que considera urxente: “Non hai mellor ocasión para que o PP demostre o seu compromiso con Muras que facilitando este solo industrial ou xestionando ante a Xunta para que permita que o proxecto siga adiante”.

Requeijo concluíu que o concello seguirá defendendo iniciativas que impulsen o desenvolvemento económico e a creación de emprego, e reclamou unha vez máis “altura de miras e colaboración institucional” para que Muras non perda oportunidades de futuro.

⚙ Configurar cookies
0.093317985534668